Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Media ducia de feridos este martes

Os sindicatos acusan a patronal de poñer empresas "ao límite" pola súa "intransixencia"

O subdelegado do goberno español afirma que non está probada a vinculación co metal dos ataques con artefactos explosivos en Vigo.

Redacción / Europa Press - 18:00 23/06/2009

Reunidos en asemblea na Praza do Rei, en Vigo, tras a manifestación na mañá deste martes, o responsábel de negociación colectiva da CIG, Antolín Alcántara, explicou que o conflito do metal na provincia de Pontevedra "está demasiado ao límite" polas dúas semanas de folga e recoñeceu a súa "preocupación" pola situación dalgunhas empresas, como o estaleiro Hijos de J.Barreras, que se enfronta a unha sanción millonaria por non entregar a tempo un buque.

Os sindicatos do sector metalúrxico da provincia coincidían así en admitir que hai empresas que están "ao límite" despois de 15 días de folga e responsabilizaron desta situación os empresarios, pola súa "intransixencia" á hora de negociar o convenio colectivo. Así por exemplo, o voceiro de CCOO, Ramón Sarmiento, admitiu que a negociación "non ten máis recorrido" e que non ve a posibilidade de acordo, situación que atribúe á "intransixencia" da patronal. "Ao mellor hoxe temos que plantar nós a negociación, porque cachondeos, os xustos", subliñou, ao tempo que advertiu de que "non haberá rendición" pola vía do desgaste".

Segundo Alcántara, os sindicatos non mantiveron ningunha reunión formal cos estaleiros na que se negaran a permitir uns servizos mínimos para afrontar os traballos urxentes, e insistiu en que "a responsabilidade é das empresas que negocian o convenio", para tratar de facilitar o acordo. Así mesmo, apuntou que os problemas non só afectan a Barreras, senón que hai outros estaleiros afectos por un "estado de non retorno". Doutra banda, Sarmiento pediulle aos traballadores que non caian "na trampa" de "poñer en risco" algúns sectores, que están en "posición límite" como consecuencia da actitude empresarial e da duración do conflito. "Non sexamos tan parvos de poñer ese futuro nunha ruleta rusa", afirmou, ao tempo que insistiu en que a decisión de convocar unha folga xeral do sector metalúrxico para o xoves, que xa foi convocada pola CIG, corresponde ás asembleas de traballadores.

Queixas polo elevado despregue policial
Antolín Alcántara fixo ademais referencia ao "despregamento masivo de case mil policías nas rúas de Vigo", e reprochou ás forzas de seguridade que actuasen "coma se en vez dun conflito laboral e un movemento obreiro, isto fose un movemento guerrilleiro". Ademais, propuxo os traballadores que, de manterse as mobilizacións, fagan o Camiño de Santiago como iniciativa reivindicativa.

Por outra banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou nas mobilizacións do metal por segunda vez, xustificou a súa presenza en Vigo porque o sindicato nacionalista "ten a firme resolución de apoiar os traballadores do metal ata o final, ata que eles queiran". Seixo tamén recordou que "esta loita transcende ao sector do metal" porque é "a loita contra un modelo da patronal que pretende saír da crise a través da precarización e os baixos salarios". "Se as empresas teñen problemas de liquidez que acudan aos bancos, non aos petos dos traballadores", engadiu.

Cinco feridos nun enfrontamento de Policía e folguistas
Cinco manifestantes resultaron feridos no transcurso dunha carga policial que se produciu durante as mobilizacións dos traballadores do sector metal. O incidente aconteceu sobre as 13 horas deste martes cando os folguistas que acababan de celebrar unha asemblea na Praza do Rei baixaban a Gran Vía ante unha forte presenza de policías antidisturbios e en dirección ao estaleiro Barreras. A situación foise volvendo máis tensa pouco a pouco, cos manifestantes cantando diversas consignas, até que chegou a producirse o incidente en que, segundo fontes sindicais, unhas cinco persoas resultaron feridas, froito de golpes con "porras" e "pelotas de goma" realizados por axentes.

Dos feridos, catro están leves pero un deles, un traballador do naval que sangraba pola cara e tiña un ollo inchado, foi trasladado a un centro hospitalario. A raíz deste incidente puntual continuaron os momentos de tensión ao longo do percorrido que realizaban os manifestantes, acompañados, en todo momento, de antidisturbios a pé e en furgóns. Tanto desde a CIG como CCOO acusaron de "provocación" a actuación policial. A maiores, o voceiro da central nacionalista, Antolín Alcántara, denunciou que "se intentaron secuestrar" as imaxes dalgunhas cámaras que foron testemuñas do enfrontamento e, polo tanto, serven para "documentar quen agride e quen son os agredidos".

Delfín Fernández atribúe os ataques a "grupos minoritarios"
O subdelegado do goberno español na provincia de Pontevedra, Delfín Fernández, afirmou este martes en Vigo que os últimos ataques con artefactos incendiarios e explosivos acontecidos na cidade e a súa área de influencia corresponden á acción de "grupos minoritarios radicais", se ben indicou que "xa se verá se teñen vinculación ou non" co conflito do sector metalúrxico en folga polo convenio colectivo.

En conferencia de prensa, Fernández remitiuse ás declaracións do delegado do goberno español en Galiza, Antón Louro, nas que falaba de grupos minoritarios, aínda que explicou que serán as investigacións as que aclaren a autoría dos feitos e "xa se verá se teñen vinculación ou non". Así mesmo, explicou que os diferentes incidentes están en fase de investigación, e recordou que os artefactos empregados no caso do concesionario de Nigrán e a casa dun empresario do metal na parroquia viguesa de Beade corresponden a obxectos tipo "cóctel molotov", mentres que ante a sede de Foncalor, unha das patronais do metal, lanzouse unha "bomba de palenque".

En canto á actuación policial Delfín Fernández asegurou que a actuación da Policía é "impecábel", baseada en "garantir os dereitos e as liberdades" e protexer a seguridade cidadá. Nas súas declaracións, efectuadas antes de que se producise o incidente antes comentado entre folguistas e forzas de seguridade na xornada de folga deste martes, xustificou que cando o "dereito de folga colisiona co dereito do traballo" ou dos cidadáns, "o traballo da Policía é moi complicado".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: