A nova Executiva Confederal contará con catro membros das tres listas alternativas, das que a de Francisco Cartelle foi a segunda máis votada.
Suso Seixo revalidou por terceira vez o cargo de secretario xeral da CIG con 381 votos a favor, o que supón o 71,3 por cento; 124 en contra e 29 abstencións, no V Congreso de la central sindical, que se desenvolveu esta fin de semana en Compostela. As outras tres candidaturas alternativas que se presentaron á Executiva Confederal da CIG tamén obtiveron representación.
A lista de Seixo obtivo 396 votos, o que lle supón oito membros na Executiva; a encabezada por Francisco Cartelle, 74 sufraxios e dous representantes; a de Manuel Currás, 69 apoios e un representante, e a de Anxo Pérez, 38 votos e outro representante.
Deste xeito, a nova Executiva Confederal fórmana Suso Seixo, Elvira Patiño Ogea, Antonio López Rivera, Ramiro Oubiña Parracho, Margarida Corral Sánchez, Francisco Miranda Vigo, Anxo García Torres, Antolín Alcántara Álvarez, Francisco Xabier Cartelle Pérez, Laura Bugallo Sánchez, Manuel Currás Meira e Anxo Pérez Carballo. Para a Comisión de Garantías foi elixida a candidatura encabezada por Birino Marcos Bahamonde, que obtivo 435 votos, fronte aos 124 da liderada por Antón Álvarez.
Relatorio base
Previamente, a CIG aprobou o seu Relatorio base con 314 votos a favor, 34 en contra e catro abstencións. O novo documento de acción sindical centrarase no fomento dun modelo "participativo" nos vindeiros catro anos, ademais de actuar "a nivel penal" nos casos de accidentes laborais.
O texto incide nunha acción sindical "completamente frontal contra o neoliberalismo causante desta crise". As súas liñas de actuación diríxense a unha distribución xusta da riqueza nun modelo sindicalista "de clase e nacionalista". Tamén se lle deu o visto e prace á continuidade na negociación colectiva a prol do "traballo horizontal cos traballadores como protagonistas". Expúxose, ademais, a necesidade de que a CIG actúe "a nivel penal" no caso de que se produzan accidentes laborais, como acusación popular.
O relatorio inclúe unha proposta para especializar a xente contra os riscos laborais e outra para que os técnicos do sindicato poidan medir os riscos dentro das empresas "a efectos de contar con datos e poder levalos á denuncia".