Un traballador da construción finou nunha obra na parroquia compostelá de Laraño e un labrego, no concello meirense, arrolado polo seu tractor logo de caer del.
Un traballador de 61 anos dunha empresa do sector da construción faleceu este venres nun accidente laboral rexistrado en Santiago de Compostela, mentres que un octoxenario morreu tras ser arrolado por un tractor en Pol (Meira).
O accidente laboral aconteceu uns minutos antes das 10.00 horas nunha obra no lugar do Rial, na parroquia de Laraño, en Compostela, segundo informou o 112. O servizo de emerxencias deu aviso á Policía Nacional, Policía Local, Protección Civil e ao 061, que confirmou o falecemento do operario, E.M.S.
Por outra banda, outro home, J.L.R., de 81 anos, faleceu tras caer dun tractor e ser arrolado por este vehículo nun terreo en Pol (Lugo). Os feitos sucederon sobre as 11.10 horas nunha casa situada na parroquia de Lea, no lugar da Veiga de Lea.