As principais compañías tabaqueiras encareceron os seus produtos para manter as súas ganancias ante o incremento do imposto sobre o tabaco promulgada polo goberno español.
Camel é agora unha das marcas máis caras
As principais marcas de tabaco que operan nos estancos galegos subiron o prezo dos seus produtos. Esta medida prodúcese menos de unha semana despois de que o goberno estatal publicara no Boletín Oficial do Estado (BOE) unha resolución que encarece os impostos que gravan a venda de tabaco. Así, este mércores foron 'Winston' e 'Camel' (asociadas a Japan Tobacco International) as que subiron en 35 céntimos o prezo do paquete de 20 cigarros. Con isto Winston pasan a custar tres euros, 15 céntimos menos que 'Camel'.
O mesmo acontece coas marcas 'Fortuna' e 'Marlboro' (pertencentes a Phillip Morris) que suben 35 céntimos até colocarse en 3 e 3,15 euros respectivamente. 'Lucky Strike', propiedade de BAT, aumenta de 2,65 e 3 euros. O resto de marcas pertencentes a JTI experimentan subidas semellantes ás de 'Winston' e 'Camel': 'Bisonte' pasa de 2,45 a 2,85 euros; 'Coronas' rubio pasa dos 2,35 aos 2,75 euros; e 'Coronas' negro vai dos 2, 65 aos 3 euros.
Tamén aumenta o prezo do tabaco de liar
O tabaco de liar, unha das solucións máis recorrentes dos fumadores contra o alto prezo das caixas de cigarros, tamén aumentou o seu prezo estes días. Unha das que máis subirá o seu prezo será 'Old Holborn', propiedade de JTI, que pasa de custar 3,5 euros a 4,85. Este aumento dáse despois de que o tabaco de liar experimentara un incremento nas súas vendas do 66,5% nos últimos catro meses fronte ao descenso do 9,2% que experimentaron os cigarros, segundo informa o Comisionado do Mercado de Tabacos.