Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
C. Freire (SLG): “A nosa paciencia ten un límite”

Os produtores de leite saen esta semana á estrada para defender o seu futuro

Dende o SLG lembraron a convocatoria de tractorada para a vindeira cuarta feira, e deron a coñecer o percorrido da mobilización para non prexudicar a cidadanía.

Redacción - 13:30 15/06/2009
A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, amosando o mapa cos percorridos da tractorada

A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, amosando o mapa cos percorridos da tractorada

"O que queremos é incidir na convocatoria de tractorada, para a vindeira cuarta feira, e sinalar onde imos estar fisicamente, e por onde imos pasar, para non crearlle problemas á cidadanía", incidiu a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), en conferencia de prensa.

Nesta xuntanza cos xornalistas, a responsábel do SLG quería volver expoñer as razóns polas que os seus afiliados decidiron saír á estrada esta semana, e dar o coñecer o percorrido dos tractores que, saíndo de diversos lugares das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, se han xuntar naquelas vilas e cidades onde haxa delegacións da Xunta, do goberno español ou ante as casas dos concellos, así como diante da sede Goberno, en Compostela (Vexan aquí o percorrido completo).

"Se os nosos afiliados deciden saír á estrada, saímos á estrada"
Freire recalcou tamén que dende o SLG levan meses denunciando a "situación gravísima" na que se atopan as explotacións leiteiras do pais, e demandándolle ao Goberno Galego e ao español que "tomen medidas" nun conflito que "está comprometendo o noso futuro". "Pese a ter adiado esta tractorada, que nun comezo estaba convocada para maio, e vendo que as negociacións non avanzan, e que o prezo do leite en orixe segue baixando, a nosa paciencia chegou ao seu límite, e decidimos saír á estrada, porque queremos ter unha visión de futuro, do noso futuro e do de outros moitos sectores sociais, económicos e ambientais do noso país". "Non pedimos medidas de tipo económico, senón a vontade política, por parte do Goberno, de mudar as cousas, de demandarlle a Madrid que modifique a política agraria, para non seguir inundando o mercado europeo de leite, e terminar coa súa liberalización a nivel mundial", subliñou Carme Freire, recalcando que o que realmente piden dende o SLG é "que non se siga desfacendo un sector vital para nós, e para a cidadanía galega". O lema principal da mobilización clama por uns prezos mínimos fixados para o sector, e a garantía de recollida para os produtores.

Nova mobilización para a sexta feira
Para concluír, Freire lembrou que, se ben a tractorada está convocada só polo SLG, a vindeira sexta feira os tres sindicatos agrarios (tamén XXAA e UUAA), e máis a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias convocaron outra mobilización para denunciar a complicidade das grandes superficies comerciais na crise do sector. "As grandes distribuidoras tamén están a ter o seu papel neste conflito, extorsionando os produtores e as industrias para que lles rebaixen os prezos", subliñou Freire, acrecentando que, se ben as superficies comerciais teñen a súa responsabilidade ("e a cidadanía ten que sabelo"), tamén a teñen "aqueles que non lles poñen coto, é dicir, as Administracións".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Velaquí o percorrido das distintas tractoradas (puntos de saída e concentracións) / Imaxe: SLG (clique para ampliar)
Velaquí o percorrido das distintas tractoradas (puntos de saída e concentracións) / Imaxe: SLG (clique para ampliar)
Imaxe dunha tractorada convocada polo SLG en 2005, en protesta polo aumento do prezo dos combustíbeis
Imaxe dunha tractorada convocada polo SLG en 2005, en protesta polo aumento do prezo dos combustíbeis