A Consellaría de Facenda propuxo un incremento retributivo de 210 euros mensuais no complemento específico dos salarios dos 'superdelegados'.
O portavoz da área institucional do Grupo Socialista, Xosé Manuel Lage Tuñas, acusou este sábado o Goberno de "pretender conxelar" o salario dos empregados públicos mentres "aumenta en tres mil euros" o soldo que perciben os novos xefes territoriais das delegacións da Xunta.
En concreto, Lage Tuñas aludiu á proposta formalizada pola Consellaría de Facenda sobre un incremento retributivo de 210 euros mensuais no complemento específico dos salarios dos novos xefes territoriais da Xunta, que o venres foi tamén duramente criticado polos sindicatos.
"Nin hai austeridade nin hai aforro", denunciou o deputado socialista antes de acusar o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijoo de realizar "un lifting e unha operación de maquillaxe" no deseño da nova estrutura periférica da Xunta onde os aumentos salariais destínanse "aos altos cargos e non ao resto dos funcionarios".
Neste senso, recordou que o deputado popular Pedro Puy "admitiu" no pasado pleno que os novos xefes territoriais "terían as mesmas funcións que os antigos delegados provinciais". "Para que serve entón a nova estrutura de superdelegados con gabinete e persoal de confianza?", preguntouse Lage Tuñas.