Desaparecerán oito das 15 sucursais coas que conta o xornal no Estado, o que provocará a saída da empresa dunha vintena de xornalistas.
Os traballadores de 20 minutos son os últimos dunha longa lista de despidos no sector da prensa
O xornal gratuíto 20 minutos pechará oito das 15 delegacións coas que conta en todo o Estado, para transformalas en correspondencias. Entre elas atópanse a de Vigo e A Coruña, ademais das sedes do diario en Asturias, Alacante, Córdoba, Granada, Murcia e Valladolid. Nelas quedará unicamente persoal de administración, mentres que as edicións se realizarán mediante correspondentes. Con todo, segundo o comité de empresa, as negociacións coa dirección permitiron reducir o número de despidos que se formularon nun principio.
20 minutos é o líder no seu sector, con 2,9 millóns de lectores diarios en todo o Estado Español, segundo os datos do Estudo Xeral de Medios (EXM). Naceu en Madrid no 2000 e ao ano seguinte xa formaba parte de Min Holding, unha compañía que edita xornais gratuítos en toda Europa.
Crise na prensa
Outro xornal que tamén botou o peche nos pasados meses foi o tamén gratuíto Metro, que deixara na rúa a todo o seu cadro de persoal, incluídos os empregados de Vigo e A Coruña. Máis adiante foi a quenda de ADN -do grupo Planeta- que tamén deixou na rúa aos seus empregados da Coruña e Vigo, pechando, semanas despois, tamén a edición dixital.
Ademais, tanto no último trimestre de 2008 como no que vai de 2009, desapareceron distintos medios de comunicación en todo o Estado: El Mundo de Almería, Localia TV, Segundamano, Teleindiscreta ou La Gaceta de Canarias foron algúns deles. Doutra banda, o diario La Vanguardia tamén presentou estes días un Expediente de Regulación de Emprego que afecta a 90 traballadores.