O Grupo Prisa tomou a decisión de cesar a actividade da rede de televisións locais logo dunhas perdas de 12,5 millóns de euros neste ano.
A caída do investimento publicitario, a crise económica e as dificultades no marco regulatorio. Estas son as causas que apunta o Consello de Administración de PRETESA, sociedade propiedade do Grupo Prisa, para tomar a decisión de pechar Localia Televisión. A rede de emisoras locais do grupo presidido por Ignacio Polanco pecha un cento de emisoras, presentes no 90% das poboacións do Estado Español de máis de 50 mil habitantes. A medida deixará na rúa a entre 250 e 300 traballadores, que nos vindeiros días tentarán negociar a súa posíbel recolocación noutras empresas da compañía.
A débeda acumulada pola entidade, dende xaneiro até setembro desta ano, ascendeu a 12,5 millóns de euros, un 7% máis que no mesmo período do exercicio anterior. A estas perdas súmanse outras causas para o peche, segundo Prisa, que nun comunicado afirma que non pode facer fronte ás "dificultades e incoherencia que presenta o marco regulatorio actual, a saturación de licenzas de TDT e o desordenado desenvolvemento do sector".
Situación en Galiza
As televisións que en Galiza emiten a programación de Localia están vencelladas ao grupo Prisa dun xeito particular. Son emisoras asociadas e non dependen directamente das decisións tomadas en Madrid, senón que teñen unhas obrigas programáticas e de xestión que non abarcan o 100% das resolucións que veñen de PRETESA. Malia que a determinación do Grupo Prisa se aplicará o 31 de decembro nas emisoras da súa propiedade, aquelas que estean asociadas poderán manter a programación un ano máis.
A rede galega de Localia está integrada por Localia Coruña, Localia Ferrol, Localia Pontevedra, Localia Santiago e Localia Vigo. Estas empresas están vencelladas a emisoras de radio tamén asociadas a Prisa, a través da Cadena Ser. Doutra banda, Localia Telelugo pertence ao grupo de comunicación El Progreso, que nos últimos tempos investiu nunha importante transformación cara a sistemas dixitais e procedeu a diferentes cambios organizativos, como o da propia dirección. A situación empresarial de liderado destes grupos no entorno galego podería derivar nun futuro desigual para estas cadeas televisivas á marxe de Prisa, un futuro que, en calquera caso, aínda está por determinar.