O voceiro de Economía do PP, Cristóbal Montoro, considera que o goberno español adiou a entrada noutras entidades financeiras á volta do 7X.
"Non é un caso illado", subliñaba este martes o portavoz do PP en asuntos económicos, o ex ministro Cristóbal Montoro, ao respecto da intervención a finais do pasado mes de marzo de Caja Castilla-La Mancha (CCM). "Está en situación de intervención e os poderes públicos están demostrando que non saben que facer con ela", engadiu ao respecto o voceiro do PP, reprochando que non exista un "roteiro" claro de como sacar esta entidade da poza onde caeu e á vez de "despexar o problema do crédito bancario" no conxunto do Estado.
Asegura Montoro que o seu partido lle insiste ao goberno español no carácter "provisional" da intervención e na necesidade de actuar axiña. "O tempo corre en contra e o goberno socialista xa tiña que terse posto mans á obra", censura. "Verán vostedes como a partir do 7 de xuño o goberno volverá á fronte e dirá que fai falta acometer esas reformas no sector financeiro", prognostica o popular. Di o deputado do PP que o acontecido coa CCM foi apenas un "ensaio" do que está por vir no sector.
Agoiro da necesidade de até 200 mil millóns de euros
Non é a primeira vez que o PP, e en concreto Cristóbal Montoro, se pronuncian sobre o escenario que afrontan as caixas a curto prazo. O pasado mes de abril, e daquela en comparecencia no Congreso, o voceiro económico do PP xa falara de situación de "perigosas proporcións". Nese momento, aludía ademais a supostos estudos independentes, aínda sen mencionar a súa orixe, segundo os cales cumprirían cantidades de até 200 mil millóns de euros para afrontar a crise nas caixas. "Agárrense que veñen curvas", subliñaba.
"Non hai analista que diga que isto vai parar na CCM", insiste Montoro, agoirando que a intervención será necesaria para outras entidades e que a inxección pública precisa estará moi por riba dos prognósticos feitos públicos en semanas recentes que falan de até 40 mil millóns de euros. Un conxunto de medidas que, opina o PP, aumentarán o endebedamento da administración estatal e quitarán cartos doutros proxectos para financiar o proceso.