Educación pretende que os consellos escolares de cada colexio escollan en votación a lingua vehicular da maior parte das materias.
A Consellaría de Educación está xa a traballar no novo decreto de linguas para o ensino non universitario. Segundo puido saber Vieiros, a intención do Goberno é regulamentar a lingua de catro materias e deixar “libre elección” para as restantes. Ciencias Sociais e Lingua serían impartidas en galego mentres que as aulas de Matemáticas e Lingua Castelá desenvolveríanse nestoutro idioma. A lingua vehicular do resto das materias vaina decidir o consello escolar de cada centro de ensino por votación. O Goberno ten previsto informar destas liñas mestras do decreto a sindicatos e partidos políticos nas vindeiras semanas.
Mentres, a Xunta xa ten preparado un cuestionario para enviarlle aos pais de 330 mil alumnos. Mediante esta sondaxe, a Consellaría de Educación quere ter unha base de datos coas preferencias para saber deste xeito cal vai ser o escenario que van atopar para a aplicación do novo decreto. O executivo mantén a intención de que a nova normativa entre en vigor no curso 2010/2011. En principio, a segregación de alumnos queda descartada no borrador que se está a redactar. A enquisa que se lle fai aos pais é meramente “consultiva” xa que a decisión última adoptaríana os centros educativos.
Vantaxe para o castelán?
Poucos dubidan que se se lle deixa a “libre elección” curricular aos centros o castelán vaia ser a lingua maioritaria nas aulas. A este respecto, hai que ter en conta que, ademais dos centros públicos, en Galiza un número notábel de rapaces cursan os seus estudos en colexios concertados. Unha proba disto é que nas sete principais cidades do país o número de alumnos en colexios concertados supera lixeiramente ao das escolas de titularidade pública.