As Xuventudes Socialistas denuncian o "cóctel con tías, sogros, campos de golf, bares, alcaldes varios e cifras milmillonarias" no que se ve o voceiro do PP.
Enrique Nóvoa
"Se o PP é minimamente coherente, expulsaríao inmediatamente ou, cando menos, levaríao aos seus órganos disciplinarios internos". Así o subliñan desde as Xuventudes Socialistas de Ourense (XXSS) ao respecto do voceiro municipal do PP, Enrique Nóvoa, alcuñado 'Poly'. "Non facelo, aparte dun insulto á intelixencia dos cidadáns e un cinismo inefábel, convirte á organización en cómplice das andanzas de Poly", advirten.
Os mozos do PSdeG-PSOE en Ourense contrapoñen o acontecido coa teimosía recente do PP en zoupar cara ao ex presidente da Junta de Andalucía, Manuel Chaves, enleado mediaticamente polo outorgamento dunha subvención pública a unha empresa na que estaba empregada unha súa filla. "Como se nunha comunidade autónoma de máis de oito millóns de habitantes todas as empresas nas que traballasen familiares dun cargo público non puidesen optar a unha subvención", xustifica a mocidade do PSOE.
Fronte a iso, critican o caso ourensán do PP, "un cóctel con tías, sogros, campos de golf, bares, alcaldes varios e cifras milmillonarias, e nos que a relación entre os dirixentes populares e a concesión de subvencións máis que sospeitosas si é evidente". Sosteñen os socialistas que aplicando a "doutrina" que o PP defende no asunto andaluz, no que lle toca a Galiza, os responsábeis afectados "deberían dimitir aínda que non houbese gravidade penal suficiente".