Catro inmigrantes que foron sorprendidos con facturas e tickéts declararon que a sindicalista facilitáballes estes papeis de balde.
Laura Bugallo
Na noite do martes, axentes da Policía española detiveron en Compostela a Laura Bugallo, traballadora da CIG-Migración. As forzas de seguridade apóñenlle un delito de falsificación documental para favorecer a estadía de inmigrantes. Segundo puida saber este xornal, a operación tivo lugar logo de que fosen detidos catro inmigrantes. Na súa declaración aseguraron que Bugallo era a persoa que lles tiña facilitado a documentación (principalmente facturas e tickets). Os catro aclararon que en ningún momento tiveron que pagar nada polos papeis que supostamente lles proporcionaba a sindicalista.
Nun comunicado feito público na web de Movemento pola Base (organización política á que pertence Bugallo) aseguran que os axentes policiais rexistraron nas últimas horas a súa oficina laboral e o seu domicilio, onde incautaron documentación e levaron un computador. No mesmo, sosteñen que o único delito da detida é “apoiar en todo momento ás persoas inmigrantes”.
Laura Bugallo permanecía, á hora de redactar esta información, en dependencias policiais. Para as 20.30 horas deste mércores estaba prevista unha concentración de apoio á detida na praza do Toural.