Achegando un texto dun máximo de 100 palabras, podedes participar na festa do patrimonio inmaterial galego-portugués.
O próximo venres 5 de xuño vaise celebrar a XV Xornada Ponte nas Ondas. Un evento que unha vez máis xuntará voces e esforzos desde Galiza e o Norte de Portugal, a prol do patrimonio cultural común e onde as escolas ás dúas beiras do Miño volven ser protagonistas.
Desta volta, a asociación Ponte nas Ondas e Vieiros convídanvos a participar nun pequecho concurso. En 100 palabras como máximo tedes unha pregunta a responder: Cal é o teu tesouro vivo?. É dicir, cales son as cualidades que máis aprecias da persoa ou grupo que para ti mellor representa o concepto de "tesouro vivo". Non hai limite de idade nin de número de relatos enviados. Agardamos a vosa creatividade e ideas a prol do patrimonio.
Recordade que podemos atopar exemplo de tesouros humanos vivos en calquera destes ámbitos:
1.Nas tradicións e expresións orais nas cales a lingua é soporte da expresión cultural.
2.Nas artes do espectáculo: danzas, cantos, romarías e rituais festivos.
3.Nos usos sociais, rituais e actos festivos que se realizan ao longo do ciclo anual.
4.Nos coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo. Tanto na cultura agraria como marítima encontramos todo un saber asociado a diferentes prácticas e usos.
5.Nas técnicas artesanais tradicionais relacionadas cos oficios e saberes.
Podedes enviar os textos á caixa de correo electrónico: pontenasondas@pontenasondas.