Pasando folla da candidatura ante a Unesco que a indiferenza das administracións frustrou, Ponte nas Ondas concéntrase agora nun novo desafío: o sistema dos "Tesouros vivos da Eurorrexión".
Malia a receptividade e as recomendacións da Unesco, o desinterese das administracións responsábeis de presentar a candidatura impediu que as tradicións orais galego-portuguesas entren a formar parte nesta ocasión da Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da institución internacional. Mentres se agarda unha nova oportunidade para a consecución dese obxectivo, a asociación Ponte nas Ondas, promotora da iniciativa, pon xa en marcha o traballo cara a unha nova meta: a creación na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal do sistema que a Unesco bautizou como "Tesouros Vivos" e que en breve podería dar lugar a unha fundación que coordine os esforzos nesta arela.
Trátase dun procedemento que a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura estabeleceu para a posta en valor das manifestacións e expresións máis destacadas do patrimonio inmaterial. A Unesco quere así garantir que se poñen en xogo recursos para asegurar a transmisión ás novas xeracións. Xapón foi pioneiro en botar man desta iniciativa, a través da cal se protexen e apoian persoas e colectivos que se significan polos coñecementos e esforzos no ámbito da herdanza cultural menos tanxíbel. Brasil, Francia ou Senegal son outros exemplos de países onde se puxeron en marcha con éxito proxectos similares.
As administracións "só cren nunha Eurorrexión económica"
A iniciativa dos Tesouros Vivos iniciará a súa actividade en 2009, e Ponte nas Ondas ten previsto en todo caso solicitarlle ás administracións o seu apoio. No entanto, subliñan que neste caso, e independentemente de que os gobernos volvan pecharlle as portas á iniciativa luso-galaica, o proxecto pode ser proposto directamente por colectivos e asociacións, sen quedar enleado nas burocracias administrativas. Basearase en catro eixos da candidatura do patrimonio inmaterial: cancioneiro tradicional; lendas e mitos; festas e ritos de inverno e actividades agromarítimas.
Na presentación do proxecto esta sexta feira en Compostela (foi tamén presentado no Porto hai tres días) estiveron o presidente da comisión promotora de Ponte nas Ondas, Santiago Veloso; o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego e Alexandre Parafita, investigador das universidades de Lisboa e Trás-os-Montes. Todos eles coincidiron na importancia social e cultural do proxecto e laiáronse dos obstáculos que os gobernos puxeron para levar á Unesco unha iniciativa que conseguiu mobilizar a un importante número de xente, incluídas ducias de escolas en Galiza e o Norte de Portugal.
O profesor Parafita criticou por exemplo o aparente desinterese que os gobernos portugués e español amosan por calquera iniciativa que na eurorrexión trate de ir máis aló do ámbito estritamente económico e tente estimular os vencellos sociais e culturais neste contorno. De paso, criticou a "hostilidade" do Ministerio de Cultura portugués á proposta de Ponte nas Ondas e comentou o "absurdo" da argumentación exposta desde Lisboa polo Instituto de Museos e Conservación, que renunciou a consultar cos expertos e "ignora" por completo a historia común de Galiza e o Norte de Portugal. "Toda relación comercial debera mirar tamén polo achegamento social e cultural", apuntou ao fío González Reboredo.
A maiores, González Reboredo e Santiago Veloso estenderon a crítica tamén á Xunta, reprochando que desta volta non se obtivo o apoio recibido en 2005 durante o primeiro intento coa candidatura. Por outro lado, Veloso censurou especialmente que, alén de ignorar a opción galaico-portuguesa, os ministerios de Cultura e Medio Rural se centrasen na inxección de recursos á candidatura da "dieta mediterránea", sobre a que puxo en cuestión a súa idoneidade no ámbito deste programa da ONU. Finalmente, todos eles salientaron a "mensaxe de optimismo" que na súa opinión é necesario expoñer cara ao futuro e advertiron de que no seu momento e ao abeiro do proxecto dos Tesouros Vivos requirirán novamente a axuda das administracións para outorgarlle o recoñecemento legal adicional que outros países lle concederon a proxectos semellantes.