O Sindicato de Xornalistas de Galicia comeza unha campaña de denuncia da precariedade no sector da comunicación, que se visibilizou máis nos últimos meses.
Como primeiro paso desta campaña, o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) está a repartir gratuitamente centos de camisolas entre os profesionais do sector co lema 'Máis despedimentos, menos información' . Trátase de que os informadores de todo o país leven esta prenda ás conferencias de prensa e actos desta terza feira, 26 de maio.
O obxectivo é concienciar á sociedade que de seguir a precarización dos informadores perigan non só postos de traballo, senón a pluralidade e a calidade das noticias.
A campaña tamén está apoiada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, mais o sindicato fai un chamamento ao resto de organizacións sindicais e profesionais á participar nesta acción, porque, segundo din, "só deste xeito se conseguirá limitar que as empresas, coa escusa da crise, sigan a facer aínda máis precarias as condicións laborais".
Perto dunha vintena de empregos en perigo no Diario de Pontevedra
Segundo os datos recollidos polos SXG, no 63% dos medios de comunicación do país non renovaron contratos ou despediron traballadores nos últimos meses. Así aconteceu en medios coma Europa Press, Radio Líder, Qué! Vigo, Qué! A Coruña, Diario de Pontevedra, Galicia Hoxe, Ser Coruña e ADN.
Agora, dende o SXG tamén denuncian a posibilidade de que se dean máis despedimentos no Diario de Pontevedra, onde a empresa -propiedade do Grupo El Progreso- xa anunciou que tentará eliminar 16 postos de traballo. A esta listaxe tamén engaden "a perda de dereitos dos correspondentes de Efe, obrigados a ser falsos autónomos cunhas remuneracións ridículas".
Dende o sindicato tamén lembran que "é preciso tomar medidas para terminar coa precariedade" neste seu sector, "máis cando xa están aprobadas axudas públicas para o mantemento do emprego en actividades como o automóbil, o leite ou a construción".