Os grupos maioritarios no Congreso só diverxen na implicación co contorno onde naceron. A confederación de caixas aposta por ese camiño.
Hai tempo xa que falabamos nestas páxinas dunha hipotética unión Caixanova-CajaBurgos ou CaixaGalicia-Cajastur, como exemplo de integración posíbeis de entidades financeiras. No marco legal actual non serían permitidas, pero a posibilidade deste tipo de fusións interrexionais agromou no debate económico recente á luz das declaracións dalgúns significados actores políticos e financeiros.
O propio presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, evitaba recentemente, durante o Debate do Estado, descartar este tipo de fusións. Interpelado ao respecto polo voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, o presidente español admitiu que o executivo estatal estuda todas as opcións na actual conxuntura económica e que decidirá en función do "mellor" para a supervivencia e competitividade das propias entidades. Con todo, prometía Zapatero que habería "diálogo" parlamentario ao respecto destas decisións.
O diálogo de PSOE e PP podería atopar consenso á volta das eleccións europeas
Tal diálogo, á luz do que se vén trasladando aos medios, estabelécese de momento entre os dous grupos maioritarios no Congreso. Baixo a escusa da despolitización das caixas, na práctica, a decisión política trasladaríase a Madrid, xa que alén de quitarlles peso aos partidos nas asembleas de cada entidade, minguaríase o poder das respectivas comunidades autónomas neste marco financeiro. Deste xeito, o Banco de España e o Ministerio de Economía terían en exclusiva a opción de frear ou darlle a beizón a estas fusións, sen que os gobernos autonómicos puidesen dicir ren.
No momento actual habería un firme consenso inicial na intención de levar adiante esa reforma lexislativa, que PSOE e PP poderían aprobar en exclusiva. Así e todo, a perspectiva do PP vai máis aló, xa que estarían a favor de avanzar o máximo posíbel na "desterritorialización" das caixas. En tal estremo, as entidades resultantes deses procesos cruzados de fusión deixarían de estar ao servizo do contorno onde naceron e teñen a súa maior introdución comercial.
A CECA está a favor destes pasos
"Son unha boa vía para reestruturar o sector", opinaba, preguntado ao respecto nunha recente entrevista no diario Cinco Días, o presidente da Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA), Juan Ramón Quintás. "Se se impiden estas operacións perderanse grandes oportunidades", expoñía Quintás, chamando a garantir que os procesos de fusión fosen pilotados polos órganos de goberno das entidades e "non polos políticos".
Na mesma entrevista, o responsábel da CECA tamén opinaba de xeito favorábel sobre a posibilidade de que os propietarios de cotas participativas senten nos consellos das caixas. Así e todo, admitía Juan Ramón Quintás sobre a posibilidade de que este chanzo sexa "cabalo de Troia" para converter as caixas "en simples sociedades anónimas" que "destrúan" a vocación social destas entidades. "Ademais, en situacións excepcionais, como rescates públicos, pode haber tentacións de converter as cotas nesa vía para a privatización".