Este órgano consultivo de carácter feminista critica que non se apoie a unha industria de fundamental importancia para as mulleres da comarca.
Imaxe da planta de Sargadelos en Cervo
O Observatorio da Mariña pola Igualdade emitiu un comunicado no que "esixe" a implicación das diferentes administracións coa idea de evitar que vaian para a rúa as 116 persoas que traballan na planta que Cerámicas Sargadelos ten en Cervo, e están suxeitas a un Expediente de Regulación de Emprego (ERE). O ERE anunciouse a comezos do pasado mes de abril e afecta a 112 persoas da fábrica de Sada e outras 116 da situada en Cervo, na Mariña. Dende este órgano consultivo lémbrase que 83 dos 116 traballadores que están suxeitas e suxeitos ao ERE na fábrica da Mariña son mulleres.
Lembran no seu comunicado que esta industria "contribúe visibelmente ao empoderamento das mariñás, permitíndolles gozar dunha independencia económica que redunda nunha maior autonomía nas súas vidas". Ademais, recordan que este conflito laboral xorde nunha comarca en que 2.296 dos 4.022 desempregados son mulleres, o que supón unha porcentaxe superior ao 57%.
Así, denuncian dende o observatorio "a falta de medidas dende as administracións para impulsar o emprego feminino e para protexer os colectivos desempregados máis vulnerábeis, entre os que se atopa o feminino". Con ese compendio de argumentos piden a intervención dos gobernos nacional e estatal de igual maneira que, segundo o Observatorio da Mariña pola Igualdade, fan noutros eidos "masculinizados" como a construción ou a automoción.