Vigo acolle este xoves unha xuntanza dos empresarios do téxtil das dúas beiras do Miño, que asentarán a iniciativa que agrupa a máis de cinco mil empresas.
Dar a coñecer en toda Europa o potencial do sector téxtil galego-portugués. Este é o obxectivo que, de partida, se marca o Clúster transfronteirizo da moda. Empresarios das dúas beiras do Miño xúntanse este xoves en Valadares (Vigo) para asentar os alicerces desta nova entidade, que agrupará ás maiores empresas da eurorrexión.
A Confederación de Industrias Téxtiles de Galiza (COINTEGA) representa a un milleiro de empresas e achegará 16.200 empregados e unha produción valorada en 2,3 millóns de euros. A súa homóloga portuguesa, a Associaçao Textil e Vestuário de Portugal (ATP) ten outras catro mil empresas rexistradas no norte portugués (que representa o 80% do total) e conta cunha facturación de 5,3 millóns de euros.
Con este proxecto preténdese compartir as estruturas industriais coas que xa conta individualmente cada mercado e complementar as diferentes vertentes nas que o téxtil galego e o portugués están especializados. Mentres os galegos son especialistas no coñecemento e xestión da imaxe de marca, no deseño e nas canles de distribución, os portugueses teñen maior experiencia na innovación de tecidos ou na capacidade de produción. Agora, sumaranse esforzos para ser máis competitivos de cara ao exterior.
Máis información na noticia anterior: Galiza e Portugal, coligados no sector téxtil