É a primeira vez que se rexistra unha redución no PIB que, con todo, é 0,9 puntos menor que o retroceso da economía española.
O que vai de xaneiro a marzo é o primeiro trimestre no que Galiza rexistra unha redución no seu PIB, segundo os datos adiantados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Confírmase así a progresiva desaceleración no crecemento da economía, que desta volta caeu un 2,1% con respecto ao mesmo período de 2008 e un 2,4 % con respecto ao trimestre anterior. O crecemento interanual do PIB supera en 0,9 puntos o dato de retroceso da economía española ofrecido tamén este mércores polo INE, que depara unha caída do PIB estatal nun 3%.
Consecuencias no emprego
Doutra banda, o IGE tamén conclúe que o emprego decreceu un 2,8%, o que supuxo a destrución de 32.264 postos de traballo nun ano. O sector servizos é o que presenta un mellor comportamento, cun crecemento do 0,7%, mentres que o agro e a pesca rexistrou unha caída do 4,8%; a enerxética un 4,6%; a construción un 12%; e a industrial un 8,3%.
Retráese o consumo
Neste primeiro trimestre o gasto en consumo final dos fogares tamén caeu, neste caso nun 0,4%. Con todo, esta cifra é un 0,8% inferior ao crecemento que se experimentara no trimestre anterior. O IGE tamén informa de que a formación bruta de capital reduciu a súa taxa de crecemento dende o -8,2% ao -11,9%, como resultado da contracción do sector da construción e da inversión en bens de equipo. Así e todo, a estatística subliña que a matriculación de vehículos de carga presentou un crecemento interanual menos negativo que no anterior trimestre.