En diversas cidades e vilas do país houbo concentracións no día de "folga" en favor dunha educación"en galego".
Estudantes de institutos e centros de FP públicos de localidades como Santiago, Ordes, Vilagarcía, Ourense e Vigo manifestáronse este xoves, convocados pola plataforma Mocidade pola Lingua, a favor de recibir unha educación "en galego". O colectivo convocou unha xornada de folga nos centros de ensinanzas medias destas localidades e que, segundo fontes desta organización, tivo un grande seguimento por parte do alumnado, dado que a asistencia ás clases foi "moi baixa".
Ademais, celebráronse manifestacións polas rúas destes municipios. Segundo os datos dos organizadores, a que tivo maior afluencia foi a da cidade olívica, apoiada por 300 alumnos, seguida de Ourense, con 200; Santiago, con 150 estudantes; Vilagarcía, con 100; e Ordes, con 50. Ao remate destas mobilizacións léronse manifestos onde se denunciou a "histórica" perda de falantes de lingua galega. Neste sentido, Mocidade pola Lingua considerou que o decreto do galego posto en marcha pola anterior Xunta foi un "parche", mentres que criticou que a intención do PP, coa súa chegada ao Executivo, "é a de acabar con ese pequeno parche que é necesario para manter uns mínimos".