O centro penitenciario de Pereiro de Aguiar realiza estes días actividades como murais, concursos de poesía e narrativa ou unha conferencia sobre as linguas do mundo.
Esta semana estanse celebrando no cárcere de Pereiro de Aguiar unha serie de actividades coas que as internas e os internos conmemoran o Día das Letras. O conxunto de actos consistíu na elaboración dun mural; un tríptico con información sobre Ramón Piñeiro; un certame de poesía e narrativa; e unha conferencia ofrecida o pasado mércores polo xornalista Alfonso Vázquez Monxardín.
O xornalista ourensán, premiado este ano co Aurelio Carracedo, ofreceu un relatorio titulado "O día das letras galegas e as linguas do mundo". Segundo lle contou a Vieiros, "os asistentes mantivéronse moi atentos" durante a charla, malia que a interacción foi "escasa". A conferencia non se centrou só no galego e máis ben usou esta como punto de partida para estudar as diferentes linguas que cohabitan polo mundo adiante.
As actividades son coordinadas dende o centro de estudo para persoas adultas integrado na institución penitenciaria que dirixe Manuel Rodríguez. Estes tipo de centros existen nas cinco prisións do país e hai dous anos que ofrecen unha formación homologada que vai dende os niveles básicos de alfabetización até a ensinanza secundaria.
Segundo Manuel Rodríguez resulta unha labor gratificante traballar cos internos do centro penitenciario porque "calquera cousa pequena que lles deas valórano moito máis que o resto da xente". Sobre a funcionalidade deste tipo de iniciativas tamén falou o xornalista Vázquez Monxardín, afirmando que "todo o que sexa entrar nós aos centros vai a ser bo para o futuro, porque constitúe un nexo coa realidade, e axúdalles para cando saian á rúa".
Esta non é unha iniciativa illada do centro de Pereiro de Aguiar, xa que se trata dunha institución moi activa que, por exemplo, aínda aproveitou a recente celebración do día do libro para facer unha xornada de lectura de literatura. Durante os últimos anos o Día das Letras xa se converteu nunha cita habitual coa literatura como protagonista. A esa tradición dálle unha explicación moi sinxela o subdirector de tratamento do centro Manuel Antonio García: "os nosos internos son uns grandes amantes da poesía".