Apoian unha declaración dos Bispos da Comisión Europea (Comexe) na que se expresa o respaldo incondicional da igrexa católica ao proceso de integración europea.
Manuel Sánchez Monge, bispo da diócese Mondoñedo-Ferrol
Os bispos galegos trasladaron este mércores a súa adhesión a unha declaración dos Bispos da Comisión Europea (Comexe) na que se sinala como "esencial" a participación nas eleccións do vindeiro 7 de xuño para "redescubrir a alma de Europa". Este texto defende o proxecto de integración europea, considerándoo "vital para responder ás necesidades fundamentais da persoa humana e para o servizo do ben común".
Na declaración afírmase que os cristiáns teñen "non soamente o dereito, senón tamén a responsabilidade de comprometerse activamente neste proxecto exercendo o seu dereito de voto". Defenden abertamente esta idea porque consideran a Unión Europea capacitada para dar resposta aos "retos máis urxentes" no actual contexto económico.
Agardan contraprestacións
Nesta declaración os bispos europeos explican que, por outra banda, esperan que os membros do Parlamento Europeo se acheguen á postura da igrexa en temas como o dereito á morte ou o matrimonio. No primeiro dos temas afirman que esperan unha contribución activa ao respecto "da vida humana e da morte neutral" mediante lexislacións, programas e políticas da UE no seu conxunto.
No referido ao matrimonio reclaman un apoio á familia "fundada sobre o matrimonio, entendido como a unión entre un home e unha muller, como unidade básica da sociedade". Tamén agardan que os diferentes países membro da UE amosen a súa solidaridade "mediante a elaboración de políticas de axudas para os máis débiles e necesitados".