PSdeG e BNG alertaron do "paso atrás" que pode supoñer a aprobación dunha medida presentada coa escusa de "apoiar a muller embarazada".
Os grupos da oposición criticaron a iniciativa lexislativa popular de 'apoio á muller embarazada', que iniciou este martes a súa tramitación parlamentaria co único apoio do PPdeG. A voceira de Igualdade do PSdeG, Laura Seara, cualificou a iniciativa de "trasnoitada, regresiva, perigosa e tecnicamente mala".
Ao seu xuízo, apoia "determinadas asociacións e entidades posicionadas radicalmente en contra do aborto". De feito, lembrou que a iniciativa foi impulsada polo programa RedMadre, do Foro Español da Familia, e considerou que só pretende danar o Partido Socialista polo debate da ampliación do dereito ao aborto. Así mesmo, dixo que "xa existe unha rede de apoio á maternidade creada precisamente polos socialistas".
"Nin nas épocas máis duras do fraguismo", dixo en relación coa parlamentaria do PPdeG Paula Prado, "asistimos a un debate tan reaccionario como o de hoxe".
Reacción do BNG
Por parte do BNG, a súa voceira de Igualdade, Ana Pontón, amosouse tamén en contra da iniciativa popular, porque "detrás da súa aparente posición neutra, de defensa das mulleres, sostén, de facto, un posicionamento que atenta claramente contra os seus dereitos". Neste senso, sinala que na exposición de motivos da iniciativa dise que "a principal causa de mortalidade no Estado Español é o aborto".
Pontón cargou contra o PPdeG: "Desde o BNG lamentamos que teña dado ese paso atrás" e que apoie un texto que identifique aborto con asasinato "porque isto si que é radicalidade. Só hai liberdade se hai opcións", recalcou, e criticou que o aborto "aínda estea no Código Penal". Tamén criticou que no texto "non haxa ningunha mención á necesidade de ter un maior acceso aos métodos anciconceptivos e non é casualidade que non apareza".
A voceira nacionalista lembrou que xa existe unha rede de centros de información ás mulleres, ademais da rede de centros Quérote, e defendeu medidas levadas a cabo polo anterior Goberno, como o salario da liberdade. Sobre a posíbel supresión desta última medida presentou unha pregunta urxente no Parlamento.
Declaracións de Pilar Farjas
Por outra banda, as voceiras de Sanidade e de Igualdade do BNG no Parlamento, Ana Luísa Bouza e Ana Pontón, lamentaron o posicionamento feito pola conselleira de Sanidade, que cuestionou esta terza feira a posta á venda da pílula postcoital. Para as dúas parlamentarias, "sementa dúbidas" sobre a garantía que Sanidade lle debe proporcionar ás mulleres galegas de que nas farmacias poidan atopar a pílula nas mesmas condicións ca en outras comunidades autónomas.
Estas declaracións, aseguraron, "coartan a liberdade individual das mulleres galegas a decidiren sobre un método de anticoncepción de emerxencia alegando unhas razóns científicas non avaladas por esa comunidade científica". Ademais, "deixa en evidencia a mentira dese suposto goberno tecnócrata e sen ideoloxía" que se converte en "falta de respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres".