Un 70% dos habitantes de Fryslân séntense frisóns, salienta este membro do Fryske Nasjonale Partij.
Sybren Posthumus
Sybren Posthumus licenciouse en Económicas e Empresariais en Groningen. Participou activamente en varias organizacións en defensa da lingua. Tamén foi membro do Ried fan de Fryske beweging (Consello do Movemento Frisón). Formou parte da Executiva da organización xuvenil FYK. Entre 2002 e 2007 foi concelleiro electo do Partido Nacional Frisón (FNP) en Ljouwert. Actualmente, traballa como asesor lingüístico para a Provincia de Frisia.
Vieiros: Cales son os obxectivos que persegue o movemento frisón?
Sybren Posthumus: Para os frisóns, e no meu caso como militante do FNP, é moi importante pór en valor as administracións máis próximas á cidadanía, ao pobo. Isto significa actuar a un nivel que a xente comprende, onde ten o seu compromiso vital. A maioría dos habitantes de Frisia séntense frisóns, arredor dun 70%.
O primeiro reto que temos é conseguir máis competencias lingüísticas, culturais e educativas, e logo ir avanzando. Holanda é un país bastante centralista. Queremos máis competencias que nos permitan decidir sobre o noso futuro e tamén control sobre as finanzas para poder lexislar.
Como é a relación co resto de territorios de Frisia?
Este é outro punto importante, a colaboración entre as diferentes rexións de Frisia, A situación que vivimos é similar á do País Vasco, cun territorio dividido entre dous estados, o holandés e o alemán. Temos moitos vínculos culturais, que se escenifican no Consello Interfrisio e que atravesan fronteiras. As relacións son principalmente culturais, mais en Europa, na ALE, entre o FNP, Die Friesen (do Leste) e SSW (do Norte) tamén o son políticas.
Cada rexión ten os seus dialectos. As diferenzas lingüísticas impiden a comunicación?
A separación entre estados provoca estas diferenzas. Ao non termos un medio de comunicación que atravese as fronteiras estatais, ás veces temos problemas para nos entender, xa que habitualmente non podemos escoitar as variedades dialectais duns e outros. Porén, sempre que estiven alá, comuniqueime perfectamente. En realidade, non son diferenzas tan grandes.
Apréndenlles ao nenos o frisón nas escolas?
É obrigatorio na educación primaria, e tamén como materia en secundaria nalgúns anos. Eu teño dúas filla de seis e tres anos. A pequena vai á gardaría bilingüe, en frisio e neerlandés ao 50%. A maior está nunha escola trilingüe onde ten inglés a maiores. En Frisia Occidental hai entre 400 e 500 mil falantes; no norte, perto de Dinamarca, son uns 10 mil, e é unha opción das escolas; e no leste só hai dous mil, e depende dos profesores. Aquí en Frisia Occidental miramos con envexa os cataláns, por exemplo.
O FNP defende un Estado holandés federal e a supresión das waterschappen (Autoridades Marítimas, corpo administrativo creado no S.XIII, encargado de todo o referente a auga e o mar) ...
O noso partido defende un Estado federado, como Bélxica, con máis autonomía para Frisia (Occidental). Persoalmente, gustaríame ir máis alá, como por exemplo están a facer en Escocia. Respecto ás waterschappen, queremos recoller as súas competencias. Case non hai participación na súa elección, arredor dun 20% dos votantes, polo que como comprederás non están lexitimadas. Son un corpo moi caro e a xente non sabe realmente o que fan, cando é un tema tan importante para nós. Unha gran parte das nosas terras están baixo o nivel do mar, polo que é vital ter diques ben construídos para cando o nivel sobe. Pensamos que non se está a xestionar ben, e que a autoridade provincial debería de asumir as competencias.
Outro tema polémico é o control e o aproveitamento do gas natural que hai en terras frisoas ...
É unha cuestión económica. O gas está baixo solo de Frisia e Groningen (provincia holandesa da Frisia histórica), mais a maioría dos cartos van á provincia de Holland (Amsterdam, Rotterdam, etc.) O 10% da poboación holandesa vive en Frisia e Groningen, mais só reciben entre o 2 e o 3% das ganancias. Non parece xusto, e querémolo mudar. Queremos non só o 10%, senón arredor do 25%, para compensar os cartos que deixamos de gañar nestas décadas.
Un dos puntos do programa electoral do FNP nas eleccións provinciais de 2007 é que non queren nin un só parque eólico máis. En Galiza a política desta última década foi a de se converter nunha potencia a nivel europeo ...
Nunca estiven en Galiza, mais sei por fotos que ten unhas paisaxes moi fermosas. Aquí en Frisia pasa o mesmo. Temos moitos turistas que veñen coñecer os lagos, as illas, as vilas, etc. E temos a paisaxe chea de parques eólicos. A poboación ve os muíños máis non ve os cartos, que os levan compañías de fóra de Frisia. Defendemos que as comunidades locais utilicen pequenos muíños para se autoabasteceren, ou que se constrúan perto das cidades, en polígonos industriais.
Coido que é un debate que se está a producir en toda Europa, naquelas zona máis ventosas. Porque doutra banda temos que frear o uso de combustíbeis fósiles. No entanto, hai outra alternativas como a eólica mariña, colocando os muíños a 30 ou 40 km da costa onde non se poidan ver, e que segundo os cálculos poderían abastecer de electricidade a toda Holanda.
Como se está a vivir a situación de crise económica en Frisia?
Os partidos políticos deberiamos facer análises prudentes antes de levar o pánico á sociedade. En Frisia é certo que houbo un aumento do desemprego, mais non se está a vivir de xeito tan dramático como noutros lugares. Debemos facer análises profundas das causasa reais para poder previr estas situacións no futuro. Mais tamén temos que nos dar de conta de que hai persoas no poder que deliberadamente estiveron a provocar esta crise. Nós, como partidos rexionais, somos conscientes de que o poder non debe estar centralizado, concentrado en tan poucas mans.