Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Europa, Terra de Pobos: Frisia

Máis frisón e menos muíños

A recuperación da lingua, relegada ao ámbito doméstico, e a protección ambiental -só na Provincia de Frisia hai 195 parques eólicos- centran as políticas nacionalistas.

Fernando Arrizado - 11:30 11/05/2009
Matrícula reivindicativa

Matrícula reivindicativa

O frisio ou frisón (frysk) é unha lingua xermánica occidental, moi próxima ao inglés, falada historicamente en toda Frisia, mais que na actualidade se conserva só en tres áreas, a principal, a Provincia holandesa de Frisia.

Os frisóns continúan a usar a súa lingua na comunicación oral diaria, aínda que cada vez está máis deturpada pola influencia do neerlandés, o idioma dominante. A apertura a espazos de prestixio, o apoio das institucións provinciais (bastante) e estatais (pouco) á lingua e cultura propias, foi e segue a ser o principal cabalo de batalla dos partidos e asociacións en defensa da identidade frisoa.

Durante 300 anos, dende que a finais do S.XVI Frisia pasou a formar parte da daquelas República de Holanda, o frisón apenas se usou na escrita. Porén, no XIX, co nacemento dun movemento de defensa da lingua e cultura propias, volveu coller folgos ante o que parecía a súa derrota final, relegada a "dialecto dos labregos", fronte ao neerlandés e ao alemán.

En 1937 aprobouse a introdución do frisón como materia opcional nas escolas, que pasaría a ser obrigatoria a partir de 1980, na primaria, e a principios dos 90, na secundaria. En 1955 estabeleceuse que fose a lingua vehicular nos dous primeiros anos da educación regrada (aínda que só se cumpre na cuarta parte dos centros). Dende 1938, hai unha Academia da Lingua (Fryske Akademy) e dende 1956, o frisón pode ser usado -con matices de interpretación- nos xulgados.

Na década de 1990, o Estado holandés -un dos primeiros en aprobar a Carta Europea de Linguas Minoritarias- e a Provincia de Frisia iniciaron a negociación dun convenio que se actualiza periodicamente, polo que o primeiro debería reservar un orzamento para o fomento do frisón.

Case todas as clases se imparten en neerlandés. Todos os diarios están escritos nesta lingua, aínda que en ocasións aparece algún artigo en frisio. A maioría das canles de radio e TV emiten tamén en neerlandés. E aínda que existe un pequeno e activo movemento literario, as cifras de lectores na lingua propia do país son moi baixas. A Literatura frisoa pódese estudar en tres universidades holandesas (non hai universidades en Frisia).

Con todo, a situación lingüística é moito peor nos territorios baixo control alemán, xa que o frisio continúa a retroceder e vai camiño de desaparecer. Na Frisia do Norte, todos os falantes son bilingües: apréndenlles o frisón (ou outros dialectos xermánicos) na casa e o alemán na escola, mais a falla dun status oficial está a provocar a deturpación da lingua propia tamén por influencia do danés.

"O que é bonito debe permanecer bonito"

Outra cuestión que caracteriza os movementos autonomistas en Frisia, principalmente na provincia holandesa de Frisia Occidental, é a conservación do seu patrimonio natural, que por outra banda é o principal atractivo para o turismo, unha das principais fontes de ingreso da rexión.

Por exemplo, un dos principais puntos do programa electoral do Fryske Nasjonale Partij (FNP) para as eleccións provinciais de 2007 era o impulso as enerxías renovábeis, "agás os parques eólicos". De feito, só nesta rexión hai 195 instalacións deste tipo dun total de arredor de 1.200 en todo o Estado.

"Non hai sitio para máis parques eólicos", afirman, e tampouco para invernadoiros a grande escala, engaden. Ademais, apostan por reducir a contaminación lumínica con "sistemas de iluminación intelixente para os carrís bicis". Tamén, avogan por impedir que se constrúan vivendas en espazos abertos, e por que se fagan en núcleos xa consolidados.

Xestión coordinada provincial

Neste senso, o nacionalismo frisón considera que o Goberno provincial debe ser o que xestione o desenvolvemento sustentábel, con competencias sobre economía e ambiente. Tamén no agro. En Frisia dende hai máis de dous mil anos críase o cabalo frisón e a vaca frisoa, coñecida pola súa capacidade leiteira e introducida en todo o mundo, tamén en Galiza.

Unha política deseñada polas autoridades rexionais, din, evitaría a competitividade entre as autoridades municipais e permitiría tirar máis rendemento económico. En xeral, consideran que un plan provincial de desenvolvemento global sería mellor ca os moitos locais individualizados actuais con cadansúas regras.

Máis competencias en educación, cunha universidade propia; control sobre a produción e o transporte da auga potábel; ou autonomía nas políticas de vivenda para axudar no financiamento de hipotecas aos máis novos e aos que menos teñen, son outras das reclamacións do movemento frisón, que tamén aspira a falar con voz propia na UE.


4,56/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: