Diversas ONGD organizan por toda Galiza actividades de concienciación, que inclúen unha cazarolada en Compostela.
A Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, Amarante, o Sindicato Labrego Galego, Verdegaia, Árbore, Emaús, A Gradicela e Semente conmemoran hoxe o Día Internacional do Comercio Xusto, esixindo o dereito á soberaĆia alimentaria e a un mercado transparente con actos en seis localidades do país.
A responsábel de Amarante, Fernanda Couñago, explicou que o obxectivo é "visibilizar a problemática" que lles afecta tanto ás explotacións produtivas galegas como de países do Sur, cunhas condicións de produción "vencelladas ao sistema neoliberal" e ás corporacións internacionais e se "vulnera o dereito á alimentación".
Pola súa banda, Lidia Senra, do SLG criticou que as políticas agrarias as decidan "as grandes trasnacionais na Organización Mundial do Comercio", en beneficio da gran distribución, e que a terra "cae nas mans das grandes empresas". Así, nos supermercados atopamos "produtos que non son de época procedentes de Chile, Ecuador ou Sudáfrica", onde a xente "non pode acceder á terra porque está ao servizo doutros".
Así mesmo, o transporte destas mercadorías "supón un despilfarro enerxético e contaminante", pois os mesmos produtos pódense "conseguir aquí nun raio de 50 quilómetros".
Actividades
Este sábado desenvólvense actos matinais na Praza do Obelisco da Coruña, na Praza Curros Enríquez de Pontevedra, nos Cantóns de Ribadeo e na Gran Vía de Vigo. Durante todo o día haberá actividades na entrada da Rúa de San Pedro, en Compostela, e na Praza Maior de Ourense.
En todos eses puntos haberá mercados transparentes, onde gandeiros do país explicarán as condicións en que producen e as diferenzas de prezo entre o que se lles vende ás distribuidoras e o que chega aos comercios. Terá lugar, ademais, obras de teatro na rúa, parodias, reivindicacións lúdicas e satíricas e caricaturizacións.
Percusión
Pero tamén haberá lugar para a reivindicación e a protesta. Así, ao mediodía haberá unha cacharrada na Praza de Cervantes da capital do país co apoio da banda de percusión africana Shanga Noeda. As entidades organizadores animaron a que toda a xente se achegue con instrumentos para manifestarse a prol do comercio xusto e a acabar coas diferenzas entre o norte e o sur.