Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CITA NA CORUÑA

Conquistado San Caetano, o PPdeG pon as cidades no punto de mira

Os conservadores celebran esta fin de semana un congreso marcado pola resaca, a vitoria e o liderado indiscutíbel de Feijoo.

R.Vilar - 09:45 09/05/2009

“Cando a auga corre cara un nunca hai problema”, sentenza un alcalde conservador ao preguntarlle polo congreso que esta fin de semana celebra o PPdeG na Coruña. E é que nas filas 'populares' aínda están de celebración logo do triunfo electoral do pasado mes de marzo. Mentres o PSdeG intenta recompoñerse arredor de “Pachi” Vázquez e o BNG busca a saída do seu propio labirinto, o centrodereita réndelle tributo ao líder que conseguiu o que semellaba imposíbel hai poucos meses: volver á Xunta á primeira.

Cando a principios de 2006 Núñez Feijoo chegaba á presidencia do PPdeG eran moitos os que pensaban que o partido ía sufrir, e moito, na oposición. O dos Peares aterraba avalado por Génova, fronte a contrincantes como Xosé Cuíña, que renunciou á loita final ao ver imposíbel a vitoria interna. Mais os terremotos internos anunciados non se produciron nestes tres anos. Tan axiña como rematou aquel congreso, Feijoo comezou a traballar nunha renovación calada, tranquila, pero profunda.

Que Feijoo ataba e desataba no PPdeG quedou demostrado na confección das listas ao Parlamento. Incluso o último dos baróns provinciais, Xosé Luís Baltar, vía como desta vez non tiña carta verde para decidir os primeiros postos da lista.

Un reparto de cargos non ao gusto de todos
Mais a pesar do momento dóce que viven os “populares”, tamén hai voces que consideran que o reparto de cargos non foi o máis axeitado. Sobre todo entre os alcaldes, hai quen cre que o perfil dos cargos é demasiado “tecnico e urbanita”. Moitos agardaban un reparto territorial de responsabilidades mais Feijoo xa se encargou de lembrar en voz alta que a elección do Goberno é cuestión exclusivamente súa.

E que foi da “boina”?
Dende o pasado congreso, Núñez Feijoo traballou arreo para rematar coas históricas diferenzas internas entre “boinas” e “birretes”. Mais son moitos os que pensan que, finalmente, a vitoria foi para o último sector. Dirixentes como Mariano Rajoy ou Romay Beccaría apoiaron plenamente a Feijoo no seu momento.

Coa morte da “boina” desaparece, polo menos de xeito organizado, o sector máis “autonomista” do partido. O antigo discurso do PPdeG, que tantos bos resultados lle deu á formación na década dos 90, deu paso a outro máis en sintonía coas teses de Génova. Un exemplo é que, até o momento, ningún dirixente do PPdeG se atreveu a cuestionar publicamente as teses lingüísticas da organización, que avogan por eliminar calquera discriminación positiva cara a lingua do país.

Máis partido cara a 2013
Núñez Feijoo gañou por méritos propios o liderado do PPdeG. O actual presidente da Xunta ten comentado en privado que, debidamente engraxado, o partido é unha maquinaria moi difícil de vencer. Por iso, Feijoo quere unha organización “viva” que non caia nos erros da etapa Fraga. Nunha entrevista en Vieiros, poucas semanas antes dos comicios, daba algúns diagnósticos ben clarificadores: “Un dos problemas do PPdeG foi non adaptarse aos cambios da sociedade galega".

Feijoo sostén, tamén dentro do partido, que a Galiza de 2009 pouco ten que ver coa do ano 1989. A maioría dos cidadáns vive en áreas urbanas e para eles hai que priorizar a mensaxe. Eis o futuro deseñado por un PPdeG que xa orienta o barco cara novas singraduras. O obxectivo prioritario: desbancar o bipartito nas cidades dentro de dous anos.


2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: