Nos próximos días reunirá até 45 mil alumnos de 500 escolas de todo o país "en favor da lingua".
A "carreira pola defensa do galego", o Correlingua, iniciou este martes en Vigo e en Pontevedra as súas actividades, a celebrar en 14 localidades nos próximos días. En concreto, a carreira de Vigo comezou na Praza do Rei e rematou no Parque de Castrelos sobre o mediodía, onde ofreceron unha actuación musical os grupos Fantoche Bag e Chévere, ademais do grupo gañador do 'A polo Ghit Correlingua 2009'. Pola súa banda, en Pontevedra desenvolveuse tamén outra "carreira pola lingua" no mesmo horario con comezo e fin na Praza da Ferrería e que contou como colofón coa actuación de 'Migallas' e o espectáculo 'Canta Connosco!'.
O mércores día 6 o 'Correlingua' ten lugar en Ourense, saíndo da Praza Maior ás 10h45 e rematando ás 13h horas na Rúa das Tendas. Neste caso, actuarán 'Mofa e Befa' e o gañador do 'A polo Ghit Correlingua'. O xoves será a quenda de Santiago de Compostela, onde a carreira sairá ás 11 horas da Alameda, o lugar no que tamén rematará ás 13h; mentres que o venres o evento recalará na Ribeira Sacra e en Monterrei. A partir de aí as carreiras serán en Lugo --día 11--, A Mariña e O Barbanza --día 12--, Baixo Miño e Ferrolterra --día 13--, O Salnés e A Estrada --día 14-- e A Coruña, o día 15.
Exitosa iniciativa
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, destacou o éxito dunha iniciativa que se celebra de xeito regular dende o ano 2000 e asegurou que evidencia "que se pode seguir avanzando día a día na defensa do galego". Callón animou os mozos a "defender" o idioma, xa que "é a columna vertebral dos galegos" e reclamou que as persoas "que queren vivir en galego" poidan ter "os mesmos produtos" que os que deciden empregar o castelán, entre os que enumerou teléfonos, mp3 e cancións en discotecas. 'Correlingua' pretende ser unha proposta lúdico-educativa que intenta invitar a xuventude e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego. O evento é organizado conxuntamente pola Mesa, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo.