"Confusión entre partido e Xunta" e "contrapoder" a alcaldes e presidentes das deputacións. Tal é a valoración que o PSdeG fai dos cargos nomeados por Feijoo.
"É a volta á peor política, a do control político e a confusión entre o partido e a Xunta por parte do Partido Popular", laiábanse este sábado o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, e o voceiro da área Institucional, Xosé Manuel Lage Tuñas, avaliando negativamente a reforma das delegacións territoriais da Xunta impulsada por Alberto Núñez Feijoo.
Os socialistas recordan que o papel das delegacións da Xunta é seren "útiles na axilización de trámites administrativos" e na redución de burocracia "co obxecto de mellorar o servizo aos cidadáns". Por este motivo, entenden que os nomeamentos confirmados no Consello da Xunta do pasado xoves son exemplo do "incumprimento flagrante" do presidente de "non facer partidismo desde a Xunta". Opinan os socialistas que Núñez Feijoo "utiliza estas novas figuras para librar guerras internas con algúns baróns provinciais do PP, e iso é a volta á peor política, a do control político e a confusión entre o Partido e a Xunta por parte do PP".