Brasil comezou a facer controis médicos aos pasaxeiros británicos e españois.
Os gobernos de Cuba e Arxentina anunciaron a suspensión dos voos chegados de México, e declararon a alerta ante a expansión da gripe do porco. Por outro lado, Brasil decidiu estender os controis sanitarios ao pasaxeiros procedentes do Reino Unido e do Estado Español, ademais dos que xa realizaba aos estadounidenses e mexicanos.
Arxentina anunciou que a cancelación dos voos que veñan de México hase manter até a vindeira segunda feira. A ministra de Saúde, Graciela Ocaña, explicou o control sanitario que se está a desenvolver no país, onde se están a estudar oito posíbeis casos da gripe H1N1. "É unha doenza que se transmite de persoa a persoa e iso é preocupante", recoñeceu Ocaña. O goberno de Cristina Fernández destinou unha partida de 65 millóns de pesos (uns 13 millóns de euros) para tarefas de prevención, así como para mercar antivirais. En Cuba, as autoridades anunciaron tamén a cancelación dos voos procedentes de México durante 48 horas, tras a decisión da Organización Mundial da Saúde (OMS) de elevar o nivel de alarma pandémica a fase 4. O Executivo de Raúl Castro estabeleceu "unha fase de alerta", mentres estudan outras medidas "que reduzan as posibilidades de introdución da doenza na illa", onde non existe ningún caso confirmado nin sospeitoso.
Polo seu lado, as autoridades brasileiras decidiron estender os controis sanitarios aos pasaxeiros que cheguen do Estado Español, Reino Unido e Nova Zelandia, para evitar a expansión da gripe dentro das súas fronteiras. Neste país lusófono polo menos 20 persoas foron ingresadas con síntomas que se poderían corresponder aos da gripe do porco, aínda que non están incluídos na listaxe oficial de "sospeitosos". Ademais das 11 persoas das que xa informara o Ministério da Saúde nun comunicado, foron notificados outros nove casos de persoas procedentes de México e os EUA con síntomas de padecer a gripe.