Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Agardan iniciativas urxentes

Oposición e sindicatos ven resignación na posición do Goberno fronte á crise leiteira

O PSdeG considera "desafortunadas" as primeiras declaracións do conselleiro de Medio Rural.

Redacción - 18:45 28/04/2009

Desde Unións Agrarias (UUAA) e Xóvenes Agricultores (XXAA) indicaban este martes a súa esperanza de que o novo Goberno achegue propostas concretas ao respecto dos desafíos do rural do país. O máis crítico, o secretario xeral de UUAA, Roberto García, chamaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a evitar a simple "descrición fatalista" e poñer na mesa "solucións".

Foi á saída da primeira xuntanza das forzas sindicais co novo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, onde a situación do sector leiteiro ocupou o primeiro plano. Agardan os representantes sindicais que en próximas datas, e na xuntanza específica que haberá ao respecto, a Xunta chegue con ideas e vontade construtiva fronte ás suxestións do sector. Do mesmo xeito, o secretario xeral de XXAA, Francisco Bello, dixo confiar en ver "medidas concretas" enriba da mesa.

Coordinación de administracións
O representantes de UUAA levaron a proposta de reforzo da inspección nas industrias leiteiras en Galiza para controlar a procedencia e as condicións hixiénico-sanitarias da materia prima que envasan. Segundo Roberto García, é fundamental coñecer as importacións efectuadas e a calidade dese leite. O sindicato tamén propón De igual modo, a organización propuxo facer públicas as compras de leite foráneo por parte das empresas lácteas.

García chamou á colaboración de Xunta e goberno español en favor desta e doutras iniciativas, como é o caso das garantías para a recollida do leite a prezos de mercado. Na súa opinión, a Xunta debera liderar estas esixencias diante do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM). Do mesmo xeito, o líder de XXAA destacou a importancia do control das importacións leiteiras e subliñou a existencia de "ferramentas" por parte do Goberno, que permiten certa manobra malia as cuestións competencias que dependen do Ministerio. Ambos os dous sindicatos coincidiron ademais en reclamar un plan de refinanciamento da débeda das explotacións lácteas que lles permita aos gandeiros dispoñer de liquidez.

O PSdeG critica as "desafortunadas" declaracións do conselleiro
A Secretaria de Medio Rural do PSdeG, Vilma Cabodevila, cualificou de “moi desafortunadas” as primeiras declaracións do novo Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, quen en entrevista no Faro de Vigo afirmou que “hai explotacións gandeiras que deben pechar para beneficiar o conxunto”.
Botando man dos números, Cabodevila recordou que hai 15 anos "había 60 mil explotacións leiteiras" en Galiza mentres que a día de hoxe tan só hai 13 mil. "Polo tanto o sector xa está reestruturado", retrucoulle ao conselleiro. A socialista entende que a opinión de Juárez vai na liña do discurso do presidente da Xunta durante a súa investidura, cando, avaliou Vilma Cabodevila, Feijoo "só dixo que estamos moi mal, imos estar peor e temos moi pouco que facer".
"En Galiza temos que apuntalar as explotacións que existen, e non pechar máis, porque se pechan, a razón será que as administracións políticas non lle dan o soporte necesario”, expuxo a responsábel de Medio Rural do PsdeG.


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: