Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O PXOM VIGUÉS PREVÉ O SEU DERRUBO

Última oportunidade para salvar a Panificadora

A plataforma 'Outro Vigo é posible' organiza distintas iniciativas artísticas para concienciar á poboación, así como unha recollida de sinaturas.

M.S.P. - 08:00 29/04/2009

"Como cidadáns vigueses, estamos fartos de que cada alcalde vigués se guíe polos cartos e a especulación, esquecéndose de calquera gusto estético na NOSA cidade". A plataforma 'Outro Vigo é posible' presentou no pasado novembro unha campaña para salvar o emblemático edificio da Panificadora, que o Plan Xeral de Vigo prevé derrubar case na súa totalidade, mantendo apenas os silos, para construír un conxunto de edificios de seis e sete andares. A proposta de reurbanización do entorno da Praza do Rei tamén anulará a visión da ría dende a avenida das Camelias, un dos poucos lugares do centro dende onde aínda se pode ver o mar.

A plataforma solicita unha reordenación xeral da Praza do Rei (encargada a Rafael Moneo), a rehabilitación do valioso edificio para a instalación nas súas dependencias da biblioteca que se prevé situar nun edificio de nova construción á beira da Panificadora, e finalmente utilizar o inmóbel para reubicar dependencias administrativas hoxe esparexidas pola cidade, como a Mancomunidade ou o Eixo Atlántico.

Para concienciar aos vigueses comezaron hai uns meses unha serie de actividades como o concerto de rock con bandas locais, que tivo lugar en decembro, ao que agora se engade a venda de 90 cartafois con gravados orixinais de Ángel Huete, Antonio Quesada e Luis De Dios, cos que se prevé obter 54 mil euros, a un prezo de 600 euros cada un. Tamén está previto un concurso fotográfico sobre a Panificadora con imaxes obtidas con teléfonos móbiles. Así mesmo, a plataforma iniciou hai uns meses unha recollida de sinaturas para presionar ao goberno local. Outros colectivos da cidade, como 'Entremos na Panificadora' tamén levan meses mobilizándose para evitar o derrubo do edificio.

No seu manifesto a plataforma pídelle ao concello "que se de verdade queren derribar un edificio emblemático vigués, que sexa este o concello, que abra Vigo ao mar de verdade ou que desforren ao hospital Xeral desas placas verde cantoso". Porén, Abel Caballero xa deixou claro en declaracións públicas o seu apoio ao derrubo do edificio, da maneira que aparece no Plan Xeral.

Quen viu o interior do edificio comprobou a grandiosidade do recinto e as posibilidades que ofrece se se rehabilita para uso público. A Panificadora ten un innegábel valor estético, constituíndo unha das máis fermosas mostras da arquitectura industrial so século XX na cidade; e un valor simbólico moi grande tamén, moi especialmente para os cidadáns vigueses que levan décadas convivindo con este perfil do seu centro urbano. O edificio foi construído en 1924 por Antonio Valcarce e estivo operativo durante 60 anos até que, despois de varias ampliacións, pechou definitivamente en 1981. Resulta sorprendente que unha vez máis Vigo recunque nos erros que xa cometeu moitas veces no pasado, principalmente durante o desarrollismo franquista (abonda con reler o libro Vigo, la ciudad que se perdió, de Jaime Garrido), e que fique despoxado dun edificio deste valor.


Ligazóns

4,79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: