Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
á espera de resultados de probas

Sen confirmación sobre o veciño de Mos e segundo caso de gripe porcina a nivel estatal

Até o mércores podería non coñecerse o resultado das probas ao veciño da vila pontevedresa. Mentres, o Ministerio de Sanidade revela outro caso da enfermidade en Valencia.

Redacción / Europa Press - 12:20 28/04/2009

O veciño de Mos que ingresou nas últimas horas no Hospital Xeral de Vigo con síntomas compatíbeis cunha gripe porcina evoluciona "moi ben" e atópase illado á espera dos resultados das probas analíticas que se lle realizaron, segundo confirmaron fontes sanitarias. As mesmas fontes indican que non se poderá coñecer o resultado das probas e, polo tanto, confirmar con seguridade se se trata ou non dun caso de gripe porcina até a xornada do mércores.

O home acudira o luns ao centro de saúde de Mos con síntomas variados, incluído febre alta e, tras coñecerse que viaxara a México hai uns días, activouse o protocolo de seguridade e foi illado. Posteriormente foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, en concreto ao Hospital Xeral-Cíes, onde permanece ingresado.

O centro de saúde foi precintado e estivo pechado toda a tarde do luns para a realización de labores preventivos de limpeza e desinfección, mentres que os pacientes que coincidiron no ambulatorio con este mozo foron tamén examinados para descartar riscos. Non obstante, segundo informaron fontes do centro de saúde, o martes pola mañá xa foi aberto e funciona "con total normalidade".

Por outro lado, o Ministerio de Sanidade confirmou este martes a aparición dun segundo caso de gripe porcina no Estado Español. Trátase dun mozo de 24 anos de Valencia, ingresado no Hospital La Fe. A boa evolución tanto deste paciente como do outro afectado, un mozo de 23 anos de Albacete, faría que puidesen ser dados de alta en poucas horas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: