En Galiza a taxa real de desemprego supera o 15,5%, porén a Enquisa de Poboación Activa indica pouco máis dun 12%.
A semana pasada difundíase a Enquisa de Poboación Activa. Os datos da sondaxe falaban de perto de 163 mil parados en Galiza (algo máis do 12% de taxa de desemprego). Porén, o noso país non se comporta nesta enquisa como o resto do Estado Español. Mentres nas outras comunidade as estimacións son maiores que os datos reais, en Galiza o fenómeno é o contrario. Mentres a EPA fala de 163 mil parados, nas oficinas de emprego do noso país hai rexistradas case 212 mil persoas. Por que ese desfase de 50 mil persoas?
Albino Prada, profesor da Universidade de Vigo, leva anos denunciando o comportamento singular de Galiza cando se analizan estes datos: “Alguén debería explicar porque na EPA do conxunto do Estado hai case 400 mil parados máis estimados que rexistrados e porque en Galiza temos 50 mil parados menos estimados que rexistrados nas oficinas”.
A explicación débese a graves anomalías nas enquisas. Dende UXT subliñan que denunciaron publicamente o feito e que lograron un compromiso do Consello Galego de Estatística para variar a metodoloxía a partir de agora. O estraño, algo que ninguén pode explicar, é que Galiza sexa dende 2005 a única comunidade do Estado Español que reflicte menos parados na EPA ca nas oficinas.
Mentres non se corrixe esta disfunción, o único certo é que en Galiza hai 212 mil parados inscritos oficialmente como desempregados, o que se traduce nunha taxa de desemprego superior ao 15,5%. Con estes datos na man, o noso país achégase moito máis á media estatal de parados do que recoñecía boa parte da clase política. O cacarexado “plus de resistencia” desínflase nas ringleiras do INEM.