A rede de fibra óptica até o fogar despregouse tendo en conta as zonas que non resultaban rendíbeis para os operadores privados.
A CMT pediu que a iniciativa pública se comprometese a financiar novas redes de nova xeración de internet, con capacidade de conexións de 100 megas reais e televisión de alta definición. Unha desas redes xa existe en Asturias, chámase Asturcón e leva fibra óptica aos fogares coa tecnoloxía GPON.
A infraestrutura xa cobre 30 mil fogares e aspira a chegar a 20 mil máis, e conta con preto de cinco mil clientes finais. O despregamento fíxose de acordo cos operadores privados, de xeito que se efectuou nas zonas que compañías como Telefónica ou Telecable -o operador de cable asturiano- consideraron non rendíbeis e ás que non pensaban chegar nunca.
O obxectivo de Asturcón é que non haxa ningún núcleo de poboación de máis de mil habitantes sen acceso á banda larga. Estudáronse as opcións e chegouse á conclusión de que levar fibra até o fogar non era moito máis caro ca outras tecnoloxías máis antigas, coa vantaxe de que o mantemento é máis fácil e a tecnoloxía permite gran velocidade a baixo custo.
Prezos económicos
Con esta rede, pódese contratar unha banda larga de 100 megas de baixada e 20 de subida por 29 euros ao mes. Se se inclúe teléfono e tarifa plana de chamadas, o prezo aumenta a 35 euros mensuais. Polo momento, non hai televisión no paquete, aínda que se está a traballar en incluíla.
O Principado de Asturias achega a infraestrutura e actúa como operador neutro, ao que as empresas de telecomunicacións lle contratan o servizo maiorista. Son as operadoras as que revenden a banda larga e poñen o prezo que queiran, sobre unha base de 15,95 euros ao mes por cliente.