A Federación Ecoloxista de Galicia chama a impulsar un proxecto "ambicioso" de xestión integral do litoral, cun plan de ordenamento.
"O urbanismo galego, aínda herdando un modelo de dispersión, nunca sufriu unha desorde tan indiscriminada como nas últimas décadas", expoñen desde a Federación Ecoloxista de Galicia (FEG). "Isto xa é unha verdade incontestábel, e compartida por todos os sectores implicados, incluso polos propios promotores urbanísticos", advirten.
Por este motivo, e aproveitando a celebración recente do Día da Terra, a FEG organizou esta fin de semana pasada un acto simbólico na praia de Silgar, en Sanxenxo, baixo o lema 'Non tapemos a costa. Protección do litoral xa'. De xeito concreto, a FEG aproveitou para resumir as súas propostas para a reforma do urbanismo aplicado no litoral do país, cun argumentario baseado en dous eixos.
En primeiro lugar, piden "unha xestión integral do litoral", necesidade que fixan nun proxecto "ambicioso, pero preciso se se quere realizar políticas acertadas para todos, e non só para uns poucos". "Un modelo de desenvolvemento sostíbel debe planificar estratexicamente estes usos e zonificar o terreo, seguindo uns criterios definidos e consensuados con eses sectores: mineiros, industriais, pesqueiros, turísticos, vivenda e infraestruturas, conservacionistas...", expoñen. Unha vontade de redefinición que, subliñan, debera explicitarse nun Plan de Ordenamento do Litoral, como ferramenta para comezar a buscar solucións "ao urbanismo salvaxe ou ao emprazamento irracional de grandes industrias no litoral que esta a causar graves prexuízos no noso ambiente, paisaxe, saúde e economía". Por outra parte, os ecoloxistas tamén suxiren a posibilidade de penalizacións fiscais para as segundas residencias.