A festa gastronómica pecha unha fin de semana marcado pola feira agrícola e téxtil.
Hai vinte anos alguén considerou que Ordes tiña que ter unha festa gastronómica propia. O feito de que algunhas empresas locais estivese probando nos anos 80 o cultivo do champiñón encarreirou a decisión. Dúas décadas despois, non hai en toda a comarca ningunha sociedade que se dedique ao cultivo do produto, pero, paradoxicamente, a festa gastronómica foise consolidando.
Mais esta fin de semana, Ordes é moito máis que os milleiros de racións de champiñóns que se serven en máis dun cento de bares. A capital da comarca alberga Expo Ordes, unha ecléctica feira onde se poden mercar dende coches até maquinaria agrícola ou ver as últimas tendencias en deseño téxtil, un sector que, canda o agrogandeiro, é o motor dunha bisbarra de perto de 40 mil persoas.