Por cada cinco accións que posúan, os accionistas de Fenosa recibirán tres de Gas Natural nesta fusión por "absorción" coa que a eléctrica pasa a integrar a empresa catalá.
Unha vez que o proceso se complete Gas Natural e Unión Fenosa darán lugar á primeira empresa do sector a nivel estatal segundo o seu volume de negocio e a unha das dez primeiras no marco da Unión Europea. O xigante acumulará actividade en todo o mundo en até 23 estados en cinco continentes, sumando 20,2 millóns de clientes, case a metade (8,9 millóns) no Estado Español, cunha potencia instalada de 17.000 MW. Cos datos de 2008, o resultado bruto de explotación de ambas as dúas empresas xuntas chega aos 4.844 millóns de euros.
Este xoves, o Consello de Administración de Unión Fenosa asinou o proxecto de fusión "por absorción" co que se integra en Gas Natural. O venres o documento chega ao consello de Gas Natural, cuxo conselleiro delegado, Rafael Vilaseca, foi nomeado primeiro executivo de Fenosa en substitución de Honorato López Isla, quen segue na empresa como vicepresidente.
De paso, asinouse a saída de varios dos membros da dirección da eléctrica, entre elas a de Xosé Luís Méndez, de Caixa Galicia, e Xulio Fernández Gayoso e María Victoria Vázquez, que representaban a Caixanova. Un paso que chega despois da venda que as entidades financeiras galegas fixeron do capital que mantiñan en Fenosa.