Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nos últimos dous anos en Galiza

En tempo de crise dispárase a afiliación aos sindicatos

Entre mediados de 2008 e o que vai de ano, o número de afiliados aos tres principais sindicatos medrou considerabelmente. Moitos veñen na procura de asesoría laboral.

A. Rodríguez - 08:00 24/04/2009
Flickr: edithbruck

Flickr: edithbruck

O incremento dos despedimentos, os expedientes de regulación de emprego, que cada vez son máis, ou as suspensións de pagamentos e os atrasos nos pagos das nóminas poderían ser algunhas das razóns que fan que os traballadores e traballadoras galegas se afilien, cada vez máis, aos sindicatos.

Dende mediados de 2007, rexistrouse un importante incremento de afiliados nas organizacións sindicais, tamén cando se comezaron a sentir, con máis forza, os efectos da crise. Moitos veñen chamados, sobre todo, pola necesidade de acceder aos servizos de asesoría.

Vieiros falou cos responsábeis de afiliación de CCOO e CIG, e coa UXT, para saber como valoran este incremento.

"A crise ten moito que ver"
Segundo lle contou a Vieiros a secretaria confederal de Afiliación e Servizos, Elvira Patiño, esta "última tempada" -de mediados de 2008 até a actualidade-, o aumento no número de afiliados foi "espectacular". Se ben é certo que este incremento se vén notando "de ano en ano", e tamén "a que estamos moi perto do Congreso da Central Sindical" -será a mediados de xuño-, a "crise ten moito que ver", sinalou Patiño. A sindicalista da CIG tamén apuntou que hai "unhas federacións, que están a notar máis a crise, e nas que a suba de afiliados é maior que noutras". Como media, na CIG rexistraron un incremento do 35% na afiliación, dende o ano 2005 até hoxe.

"O incremento por causa da crise hase comezar a notar despois do verán"
Por outro lado, Emilio Fernández, responsábel da Secretaría de Servizos á Afiliación de CCOO, sinalou que, nos últimos anos, o incremento no número de afiliados "non difire moito" dun ano para outro, mais que "ben é certo" que en 2008 rexistraron "un repunte, aproximadamente dun punto ou un punto e medio", mais lembrando "que tamén nesa época o emprego medrou moito". Fernández subliñou que cómpre facer unha diferenciación entre os afiliados brutos e os netos, xa que hai "unha bolsa de xente que entra e que sae... Está uns meses para arranxar un problema laboral, e logo deixa de pagar as cotas, e volve de aí a un tempo, cando o volve precisar". O sindicalista de CCOO tamén revelou que, hoxe en día, a afiliación sindical está en alza, polo que este incremento podería deberse a varios factores, e que a influencia da crise podería comezar a notarse máis, nesta liña, "a partir do verán". Fernández quixo destacar que cada vez se afilian máis mulleres e máis xente nova a este sindicato.

Dende UXT non puideron dar unha valoración aos datos de afiliación, xa que todos os membros da Comisión Executiva estaban ocupados. Porén, si facilitaron os datos dos últimos catro anos, tempo no que o número de afiliados e afiliadas a UXT en Galiza aumentou un 19%. No ano 2008 houbo, tamén, un incremento considerábel do 5% (3.242 novas altas), unha cifra significativa, tendo en conta que neste período a poboación asalariada galega aumentou un 9,3%.


3/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: