O presidente da xestora do PSdeG salienta considera "arrogante e autoritaria" a designación de Agustín Hernández, "cuestionado ética e moralmente".
O presidente da Comisión Xestora do PSdeG, Ricardo Varela, amosou a súa preocupación polo que considera "incumprimentos" do novo xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijoo, na elección dos seus conselleiros.
"Dende o PPdeG comprometérase unha Consellaría de Xustiza independente e separada, que agora podemos comprobar que non existe", igual que se comprometera "unha Consellaría de Traballo independente e singular que se ocupase de todos os asuntos que atinxen ao mundo do traballo", dixo.
Ademais, Varela sinalou o "incumprimento de Feijoo no seu compromiso ético coa presencia no Goberno do Sr. (Agustín) Hernández (novo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura), cuestionado dende o punto de vista ético e moral pola concesión de obras multimillonarias a empresas onde despois foi traballar". Neste senso, cualificou a decisión do presidente da Xunta de "arrogante e autoritaria".
"Hai un expediente aberto", sinalou, mais indicou que esta "é unha cuestión menor", xa que o salientábel é "a incompatibilidade ética, moral e política absoluta". "Dificilmente pode ser transparente un goberno que nomea así un conselleiro", sinalou o dirixente socialista.
"Descompensado" en igualdade e equilibrio territorial
Por outra banda, Ricardo Varela considerou que o Executivo está "descompensado" dende o punto de vista da igualdade entre homes e mulleres, e do equilibrio territorial, xa que "só un membro das 11 persoas que forman o goberno representa á Galiza interior", indicou.
Ademais, destacou o "escaso perfil político e excesivamente técnico" dos novos conselleiros, que no pasado formaron parte "da segunda liña dos Gobernos de Fraga". Neste senso, engadiu que "deu un paso atrás, e a dirección política actual é similar á que tiña Fraga no segundo chanzo". "Os reservas", dixo.