Ofrecen unha tregua nas mobilizacións até manter unha xuntanza coa responsábel de pesca, a designada este domingo conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Protesta deste domingo
Unhas 225 mariscadoras percorreron este domingo as rúas da localidade de Rianxo para protestaren contra "os abusos" que provoca o sistema de repartir as ganancias do marisco e denunciar que a dirección da Confraría "incumpre a lei", nun acto convocado pola Asociación Galega de Mariscadoras (Agamar).
Segundo explicou a secretaria xeral de Agamar, Natalia Laíño, a situación é "insostíbel", e informou de que á protesta acudiron "mesmo traballadoras xubiladas" e xente que "non quixo aguantar máis".
O conflito, dixo, "dexenerou estes dous últimos anos" xa que a repartición das ganancias polo marisco, "con independencia do que recolla cada unha", levou a que "xente que non acudía a traballar cobraba igual". "Ás veces as que traballaban gañaban 7,80 por un día, e outros en casa 19 euros", asegurou.
A manifestación empezou ás 11.00 horas e atravesou varias rúas da localidade para rematar nunha concentración fronte á casa consistorial até as 13.00 horas. Laíño anunciou que lle darán "unha tregua" ás mobilizacións para pedir unha reunión coa nova conselleira de Mar, a popular Rosa Quintana.