A aplicación do ERE será a primeira medida do plan de viabilidade da empresa, que pasará de 837 e a 600 traballadores.
A dirección do grupo téxtil Caramelo anunciou este venres que aplicará nos próximos meses un expediente de regulación de emprego (ERE), que afectará 237 empregados que perderán proximamente o seu emprego. A compañía está controla o empresario coruñés Manuel Jove dende finais do a 2008 e nese mesmo ano rexistrou unhas perdas de 27 millóns de euros.
Segundo publica Europa Press os 237 despidos realizaranse na factoría da Coruña, onde actualmente traballan entre 430 e 450 empregados, nas seccións de deseño, confección, loxística, comercial e administración. Segundo informou a voceira da CIG no comité de empresa, Dores Rodríguez, estes despidos únense ás 83 "saídas incentivadas" que realizou a empresa dende o mes de novembro. Así, a suma destas dúas cifras daríanos como resultado 320 despidos en menos de cinco meses.
Os representantes sindicais manifestaron a negativa a acadar un acordo de "extinción de contratos de traballo" por estar vinculada esta decisión a "unha estratexia de deslocalización da produción". Ademais, atribúen "a perda de valor da marca no mercado" ao desvío efectuado nos dous últimos anos de parte do traballo de confección a países asiáticos.