Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOLIDARIEDADE EN GALIZA

"O anteproxecto da Lei de Estranxeiría criminaliza o inmigrante"

O Foro Galego de Inmigración recolle sinaturas en contra dos cambios previstos na lexislación e para facer visíbel a súa situación. Vídeo no interior.

Isabel G. Couso (texto e vídeo) - 08:00 20/04/2009

Iraisa é dominicana e leva en Galiza sete meses. Rocío é arxentina, filla de galegos, e chegou hai sete anos. Ramona, da República Dominicana, fíxoo hai outros seis. Todas elas pertencen ao Foro Galego de Inmigración e, nestes días, traballan nunha campaña de recollida de sinaturas contra o anteproxecto de reforma da Lei de Estranxeiría que se debaterá en breves no Congreso. Con elas falamos en Vieiros, mentres lle explicaban aos viandantes o que suporá para as súas vidas os cambios que se introducirán na lexislación.

O que máis lles preocupa é, sen dúbida, a cuestión do reagrupamento familiar. Segundo nos explican, a reforma que pretende o goberno español limitará esta posibilidade, xa que o permitirá só a aqueles inmigrantes que levan residindo no Estado, polo menos, durante cinco anos. "Para min foi difícil", explica Iraisa, quen aínda ten o seu irmán e ao seu pai na República Dominicana, "tiven moitos problemas alá na embaixada, tiven que facer moitos trámites e aínda tiven que agardar tempo", di. "Cremos que é un dereito de todos estar coas nosas familias", subliña Rocío, e explica que moitos inmigrantes non vén o momento de xuntárense cos seus.

Outros cambios necesarios
Consideran, tamén, "intolerábel" o aumento do prazo de estancia nos centros de internamento de estranxeiros até os 60 días (antes eran 40) e a apertura da posibilidade de repatriación de menores inmigrantes baseándose nunha suposta garantía dos servizos de atención a menores dos seus países de orixe. Son contrarios a esta medida porque estiman esta posibilidade moi discutíbel no caso de países como por exemplo Marrocos.

Doutra banda, aseguran que o anteproxecto parte dunha visión "intencionadamente criminalizadora" do inmigrante cando, recordan, a realidade da inmigración é fondamente positiva para o conxunto da poboación. "Rexeitamos a persecución sistemática da poboación inmigrante en situación de irregularidade administrativa e o peche das fronteiras propostos polo Anteproxecto, que chega ao extremo de considerar como actuacións delictivas aquelas realizadas polas asociacións para axudar ás persoas que se atopan sen a documentación en regra".

Situación en Galiza
Con respecto á súa estancia entre nós, as tres aseguran que se senten totalmente integradas. Aínda que as actitudes discriminatorias cara os inmigrantes están a aumentar en todo o Estado tamén en relación coa crise, "aquí o fluxo o migratorio é menor, polo que o proceso de integración é máis doado", explica Rocío. "Atopamos en Galiza unha actitude máis aberta que noutros lugares, se cadra tamén polo seu pasado emigrante", asegura.

No referente á recollida de sinaturas, lamentan non poder adicarlle máis tempo: "medio milleiro de apoios son moitos", dinos Rocío, "e nós asentámonos no esforzo dos nosos voluntarios que, loxicamente, tamén teñen que cumprir coa súa xornada laboral". Con todo, o traballo de rúa xa comezou e dan por boas todas as sinaturas que se consigan: "o fundamental é facer visíbel a situación na que nos atopamos os inmigrantes".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Falamos con membros do Foro Galego de Inmigración

Rocío Rodríguez é portavoz do Foro Galego de Inmigración
Rocío Rodríguez é portavoz do Foro Galego de Inmigración
O colectivo estivo recollendo sinaturas na compostelá Praza do Toural
O colectivo estivo recollendo sinaturas na compostelá Praza do Toural