O estudio de Hollywood Miramax agasallou cun billete para ver Adventureland a unha usuaria de Twitter que se queixara de non atopara o filme no BitTorrent.
Imaxe promocional do filme
Cando diversos gobernos de todo o mundo están a tomar medidas drásticas e represivas contra a descarga de material protexido con dereitos de autor, a produtora cinematográfica Miramax demostrou, por unha vez, que hai un xeito moito máis amábel de promocionar a asistencia ás salas de cine.
A fotógrafa, escritora e usuaria de Twitter Amanda Music lanzou, dende a súa conta do servizo de microblogs, a pregunta: "por que aínda non está Adventureland no BitTorrent?" Segundo informa TorrentFreak e reproduce Código Cero, o feito de usar na mesma frase as palabras "Adventureland" e "Torrent" fixo que os estudios Miramax detectasen a súa mensaxe.
Entón, axiña recibiu unha resposta: "Veña, Amanda, non o fagas. #adventureland #fbi", ao que Amanda respondeu "Vale, non o fago, por seres ti". Para a súa sorpresa recibiu unha nova mensaxe de Miramax: "Grazas, Amanda. A cambio, teño para ti dúas entradas por se estás interesada en ver Adventureland".
Deste xeito, ao final os estudios agasallaron a usuaria cunha (non dúas) entrada para o filme, que foi ver a un cine de Nova York, onde ela vive. "Quedei moi sorprendida", asegurou, "pero de todos os xeitos non atopei Adventureland no BitTorrent".