A NRK será 'tracker' coa mesma tecnoloxía que The Pirate Bay, e distribuirá contidos baixo licenzas Creative Commons.
Despois de ser a primeira televisión en difundir series por internet mediante o sistema BitTorrent, a pública norueguesa NRK converteuse tamén en pioneira en contar co seu propio 'tracker' desa rede de distribución de arquivos. A NRK usará o software OpenTracker, o mesmo que emprega a polémica web sueca The Pirate Bay, aínda que só distribuirá contidos libres de dereitos de autor.
O emisor público pódese permitir facer este tipo de distribución, de balde e sen DRM, porque o 94% dos seus ingresos proceden dun canon pagado polas persoas norueguesas que posúen televisor, como acontece noutros estados europeos.
Porén, a televisión norueguesa aínda terá que resolver algúns problemas relacionados cos dereitos de distribución internacional dalgúns contidos, que nalgúns casos precisan de compensación aos autores. Por outra banda, a NRK cre que con BitTorrent poderá chegar a máis xente, ter datos fiábeis sobre o número de descargas e de paso ensaiar a nova tecnoloxía. Está por ver se o modelo se estenderá a outros radiodifusores públicos de Europa.