Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENOR CAPACIDADE ADQUISITIVA

Os mozos galegos precisan o 76,3 % do seu salario para adquirir unha vivenda

Para poder mercar un piso no mercado libre, deberían ter unha nómina mensual de 2.678 euros.

Isabel G. Couso - 19:00 13/04/2009

O acceso á vivenda segue a ser un dos grandes problemas da mocidade, aínda máis en tempos de crise. Tal é así que as dificultades para mercar un inmoble seguen a medrar: o esforzo financeiro que debería asumir un mozo galego para sufragar o importe dunha hipoteca media medrou un 9,85% no último trimestre de 2008, situándose no limiar do 76,3% do seu salario neto. Aínda máis, se a persoa é menor de 25 anos, para facerse cunha propiedade debería pagar até o 97,2% do seu salario. Así se deduce dos datos do Observatorio Joven de Vivienda en España (OBJOVI).

Con todo, para os galegos o esforzo é aínda menor que a media estatal: no Estado Español un mozo debería adicar á súa hipoteca o 87,6% do seu salario neto, é dicir, case dez décimas por enriba do que lle tería que adicar un galego.

Cos datos na man, segue sendo moito máis accesible o mercado de vivenda de aluguer que o de compra. O prezo medio da vivenda libre en Galiza sitúase nos 156.600 euros, o que supuxo un incremento do 3,24% con respecto ao trimestre anterior. Para facer fronte a esta compra, os mozos deben de ingresar anualmente un mínimo de 32.137 euros, é dicir, uns 2.678 euros mensuais. En comparación, a renda media de vivenda libre en aluguer ascende a 546 euros ao mes, o que supón o 52% do salario medio da mocidade.

Máis mozos con traballo, pero con menos capacidade adquisitiva
Logo de Cantabria e Castela e León, Galiza experimentou o máximo incremento trimestral no volume de persoas novas cun posto de traballo, do 2,54%. A taxa de ocupación é elevada, o 69,6% dos mozos teñen traballo, mais esta crecente empregabilidade traduciuse nunha maior proliferación da contratación temporal e, moi especialmente a de corta duración. A cifra de mozos cun contrato indefinido descendeu en Galiza un 4,81% nun ano (son o 31,3% dos asalariados). Mentres, os contratos inferiores ao ano de duración aumentaron un 4,13% (teñen contrato temporal o 29,1% e contrato temporal de menos dun ano o 35,8%).

En canto ao salario, a media dos mozos galegos ascende a 12.630 euros anuais, o que supón un incremento do 4,54% con respecto ao anterior trimestre. É salientábel que o salario aumenta conforme o pasan os anos (entre 18 e 24 anos cobran 9.915 euros, mentres que entre 30 e 34 xa teñen un salario de 14.090 euros) e que as nóminas das mulleres son máis baixas que as dos homes (11.507 euros fronte a 13.226 euros).

A emancipación, aínda difícil
Así as cousas, a posibilidade de marchar da casa dos pais tórnase cada vez máis complicada. En Galiza, a taxa de emancipación, é dicir, a porcentaxe de persoas que viven fora do fogar de orixe con respecto ao total de persoas desa mesma idade, sitúase no 38,1%. Así, de cada 10 mozos, case catro viven emancipados. A cifra é máis elevada que a estatal, onde ascende até o 46,2%, é dicir case a metade dos mozos españois continúan sen ter os recursos necesarios para marchar da casa familiar. No noso caso, o dato medrou con respecto ao pasado ano (6,79%), cousa que non fixo a nivel estatal, onde a taxa descendeu un 4,38%.

É destacábel tamén o comportamento diferenciado entre homes e mulleres. Son máis as que se independizan do niño familiar (o 42,7%) que os homes da mesma idade que o fan (33,7%).


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: