Os diferentes sectores do Bloque intensifican os contactos antes de que comece o proceso de elección dos 2.500 delegados.
O BNG segue en estado líquido. Esta é a mellor definición do que ocorre no interior da principal organización nacionalista do país. Aínda que se multiplican os contactos entre os diferentes sectores, a pouco máis dun mes da Asemblea Nacional extraordinaria aínda non se pode dicir, nin moito menos, que callara un acordo. Todas as posibilidades están abertas. O día 10 de maio tanto podería haber unha candidatura unitaria como tres diferentes.
Mais antes hai por diante un intenso proceso preasembleario que vai resultar ben clarificador. O primeiro asalto é a elección por comarcas dos 2.500 delegados que acudirán á Asemblea Nacional. A gran pregunta é se “quintanistas” e UPG van concorrer xuntos nas listas comarcais.
A UPG ponlle trabas a un posíbel liderado de Aymerich
Segundo puido saber Vieiros, o “quintanismo” quere nuclear en solitario candidaturas comarcais de delegados que apoien o 10 de maio a Carlos Aymerich como portavoz nacional. Fontes desta corrente confirmaron que cada vez son máis as voces que piden que se midan as forzas coa UPG deste xeito. Logo, en función dos resultados que se dean, estableceranse uns ou outros pactos.
Precisamente, o Comité Central da UPG analizou este luns a situación que se está a dar no BNG. Dentro deste partido hai división de opinións. Mentres que uns apostan por manter a alianza co “quintanismo” (nomeadamente históricos como Francisco Rodríguez ou Suárez Canal), outros consideran que o partido ten que sacar músculo. Sexa como for, contra o que afirman algúns medios, no seo da UPG hai reticencias a unha fórmula que lle dea a portavocía nacional a Carlos Aymerich.
Os nomes xa están enriba da mesa
Aínda que xa se filtraron nomes como os de Suárez Canal, Francisco García, Jorquera ou Fernando Blanco, dentro da estratexia da UPG hai un que gaña forza sobre os anteriores e non é outro que o de Guillerme Vázquez. Curiosamente, o médico e concelleiro pontevedrés coincidiu no Congreso español co máximo responsábel da UPG, Francisco Rodríguez, e co líder do “postquintanismo”, Carlos Aymerich. Contra o que moitos pensan, Vázquez non ten carné da Unión do Povo, aínda que é certo que como independente sempre estivo próximo ás teses deste partido.
Por último, o Encontro Irmandiño podería propoñer a Xosé Manuel Beiras como portavoz nacional de transición. Consideran que a autoridade do histórico líder do BNG propiciaría un cambio interno e están dispostos, se non hai un acordo a tres bandas, a poñer enriba da mesa unha candidatura ao Consello Nacional, esperando agrupar á base militante máis descontenta co rumbo tomado polo Bloque nos últimos anos.
Calquera combinación é posíbel
-Tres listas diferentes:
A UPG, os de Aymerich e os “irmandiños” medirían o seu peso real diante dos 2.500 delegados. A continuación estableceríase un pacto para a Executiva en función dos apoios recibidos. Neste escenario, os críticos de Xosé Manuel Beiras precisarían contar co voto do 30% dos compromisarios para poder entrar no máximo órgano de decisión do Bloque.
-Pacto entre UPG e “quintanistas”:
Repetiríase a alianza da Asemblea Nacional de 2006. Faltaría por saber como se distriburían as responsabilidades nesa hipotética Executiva.
-Candidatura de consenso:
Todas as forzas coinciden en que sería a mellor solución para o BNG pero agora mesmo a que semella máis improbábel. Nesta candidatura terían que estar presentes todas as forzas que compoñen o BNG mais...cal é o peso que ten que ter cada unha?