Os irmandiños exixen a dimisión urxente de toda a Executiva e a convocatoria, antes do verán, dunha asemblea aberta. Vídeo no interior.
Xosé Manuel Beiras falou alto este mércores en Compostela. Tres días despois da morte electoral do bipartito, o histórico líder nacionalista compareceu diante dos medios de comunicación canda os outros catro “irmandiños” que tamén están no Consello Nacional do BNG: Martiño Noriega, Xosé Constenla, Cristina Amor e Concha Trigo. A mesaxe non podía ser máis diáfana: O Bloque ten que iniciar de inmediato un proceso de refundación.
Nunha análise de máis de media hora, Beiras debullou as tres medidas que exixe o Encontro Irmandiño para salvar a grave crise que se aveciña no BNG. A primeira delas pasa pola dimisión urxente de toda a Executiva Nacional: “Hai que poñer os cargos a disposición. É un exercicio de saúde democrática indispensábel”. A segunda proposta é proceder á autocrítica: “Non se pode continuar o método de atribuir sempre as perdas de electorado a causas externas”. A terceira é pedirlle escusas aos movementos sociais “por terlle pechado as portas” e abrirlle as do BNG.
Beiras deixou claro que a solución pasa por crear unha xestora que sexa a encargada de preparar unha Asemblea Nacional ordinaria urxente: “Non se pode agardar ao outono”. A falta de medidas rápidas “só fai aumentar o descrédito social e público da dirección, que é unha causa primordial do fracaso electoral”. Outra condición innegociábel para deter a crise é que a asemblea sexa aberta a toda a militancia e non só por delegados, como ocorreu na cita do ano pasado: “Hai que recuperar a democracia básica, o que está restaurado en toda a esquerda cívica a nivel mundial”
Os “irmandiños” aseguran que non queren capitalizar a “refundación”. Pola contra, subliñan que é fundamental tenderlle a man a parte do mundo nacionalista e da esquerda que se afastou nos últimos anos do Bloque.
“Non queremos pirámides verticais”
Sen chegar a nomealos en ningún momento, Beiras cargou contra a liña marcada pola UPG e o “quintanismo”: “O mesmo aparato vertical non pode pilotar a asemblea, sería unha fraude á militancia. Chamamos a toda a militancia a recuperar o exercicio libérrimo de reflexionar. Non queremos pirámides verticais”.
A solución, segundo os irmandiños, pasaría por manter a estrutura de frente política interclasista coa participación activa e decisiva dos militantes no día a día. Para Beiras, o BNG fracasa intentando copiar o modelo dos outros partidos. Neste sentido, sinalou que os conservadores volveron ao poder en só catro anos pola falta de proxecto do nacionalismo e non por méritos propios: “O goberno acabou sendo un fin en si mesmo”, sentenzou. Beiras laiuse pola volta a San Caetano do PPdeG (“por non chamarlle a santa mafia”, asegurou). Prognosticou tempos moi duros e pediu un esforzo de todo movemento nacionalista para non incorrer nos “graves erros” dos últimos anos.