Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo do G-20

A quen queredes salvar?

As ONG critican que os líderes mundiais acorden un estímulo fiscal que salvará os bancos pero esquecerá os máis necesitados.

Canal Solidario - 12:00 04/04/2009

O primeiro ministro británico, Gordon Brown, pechaba as conclusións da reunión do G20 celebrada en Londres explicando que "as decisións que tomamos non resolverán inmediatamente a crise, pero o proceso comezou". Entre as claves da cimeira destaca a negativa ás medidas proteccionistas, a maior dotación fiscal que se fixo na historia para o FMI e un tímido coto aos paraísos fiscais.

As reaccións das ONG non se fixeron esperar e algunhas das súas preguntas son: onde quedan as necesidades das persoas dos países empobrecidos?, que medidas se tomaron para mellorar a difícil situación das persoas desempregadas ou en risco de exclusión social?

Os líderes do G20 explican no seu documento final que recoñecen a "dimensión humanitaria da crise" e que buscan "crear unha economía mundial xusta e sostible". Ao que entidades como Oxfam Internacional (Intermón Oxfam en España) responden que co investido en rescatar a bancos acabaríase coa pobreza "durante 50 anos".

"Os 8,4 billóns de dólares comprometidos polos países ricos para salvar os seus bancos da crise suporían un paso de xigante para acabar coa pobreza definitivamente", segundo os cálculos de Oxfam. Segundo a ONG, os 8,4 billóns de dólares investidos en inxeccións de capital, compra de activos tóxicos, créditos subsidiados e garantías de créditos equivalen a máis de 1.250 dólares para cada home, muller e neno do planeta. O custo anual de sacar aos 1.400 millóns de persoas que viven na pobreza extrema (menos de 1,20 dólares ao día) é de 173.000 millóns de dólares.

Tan só unha pequena fracción dos cartos investidos...
"Tan só unha pequena fracción do diñeiro investido polos máis ricos en salvar o seu sistema financeiro poderían asegurar o estímulo económico que necesitan os países máis pobres, crear redes de protección social e asegurar servizos sanitarios para aqueles que máis están sufrindo a crise", sinalou a ONG.

Segundo Oxfam Internacional, este estímulo debería ser duns 580.000 millóns de dólares anuais (431 mil millóns de euros) que deberían incluír, polo menos, 24.000 millóns para estímulo fiscal inmediato nos países máis pobres, a condonación de débeda e o cumprimento das promesas de incremento da axuda ao desenvolvemento.

"Cando miras a cantidade de diñeiro que foi destinada a salvar aos bancos nos países máis ricos, é inconcibíbel pensar que os líderes do G-20 se poidan manter á marxe e permitir que a crise económica destrúa á vida dos máis pobres", afirmou o portavoz de Oxfam Internacional na xuntanza de Londres, Jaime Atienza.

"Os países en desenvolvemento están cambaleando pola tremendo freo do comercio, a caída das remesas enviadas polos inmigrantes e o investimento estranxeiro", apunta, "os países máis ricos, cuxas políticas contribuíron a xerar a crise, teñen a responsabilidade de contribuír a resolvela e de axudar a aqueles que están sendo os máis prexudicados", engadiu Atienza.

Os países representados no G20 aumentarán a inxección de recursos en máis de 750.000 millóns de euros, dos cales 500.000 irán ao Fondo Monetario Internacional (FMI), que verá así triplicados os seus recursos, e os restantes 250.000 euros utilizaranse para "reactivar o comercio". O obxectivo desta medida, segundo os líderes, será "elevar o PIB mundial un 4% e acelerar a transición a unha economía verde".

"É un insulto á intelixencia e á dignidade humana ver a desproporción de recursos que os países doantes destinaron a salvar a súa banca da crise e o que destinaron en axuda ao desenvolvemento", afirma Ariane Arpa, directora xeral de Intermón Oxfam. "O dato do insignificante incremento da axuda ao desenvolvemento demostra o avarentos que son os doantes, que atopan diñeiro debaixo das pedras para salvar o seu sistema financeiro e parecen miopes á hora de atopar os recursos comprometidos para loitar contra a pobreza", engade.

Recuperación ecolóxica?
Unha das reivindicacións que entidades como Greenpeace lle fixeron chegar aos líderes do G20 durante a cimeira foi a de esixir que se comprometesen a pór en marcha unha "recuperación ecolóxica" da economía.

No documento final, os países representados comprométense a outorgar unha "orientación ecolóxica" nas medidas de reactivación da economía que estudaron durante a xornada, co obxectivo de "aumentar as ambicións" do Encontro de Copenhague no que a final de ano se negociará o protocolo que a partir de 2012 substituirá o de Quioto.

O secretario de Enerxía e Cambio Climático do país anfitrión, o británico Ed Miliband, destacou nunha comparecencia ante os medios de comunicación o "carácter significativo" de que as principais potencias e os países emerxentes asuman un compromiso co medio ambiente. "É importante que avancemos", declarou. Así, aínda que para as organizacións ecoloxistas o documento non é máis que "unha frouxa declaración de intencións sobre a vontade de acordo", Miliband considera que a simple asunción desta necesidade é "altamente significativa", posto que traslada a idea da "necesidade real" que os membros do G-20 detectan na aposta pola "recuperación ecolóxica" para reactivar o crecemento.

O titular de Cambio Climático de Reino Unido reivindicou a necesidade de acometer un debate serio en materia de redución de emisións e destacou a transcendencia do consenso solicitado, antes da reunión do G-8 que en xullo se celebra en Sardeña, Italia. Segundo os mandatarios, cada país asumiu compromisos específicos para rebaixar o dióxido de carbono que emiten á atmosfera. Pero Greenpeace denuncia, por exemplo, que as nacións ricas do G20 non se comprometeron a investir, polo menos, o 1% do seu PIB en políticas "verdes".

"Os líderes do G20 representan tres cuartas partes do PIB global; tres cuartas partes do consumo de enerxía e a mesma proporción das emisións de CO2", apuntan. "Até o de agora, parece que non se deron conta de que a continuidade da súa prosperidade non está en conflito con preservar o medio ambiente, senón que depende diso. A longo prazo, non nos enfrontamos a unha elección entre empregos verdes ou empregos sucios, senón entre empregos verdes ou colapso ecolóxico e social. Até que o cambio climático non estea a en o encabezamento do comunicado do G20 e no centro do seu pensamento, o comportamento dos gobernos non é só cientificamente analfabeto, senón economicamente analfabeto," declarou John Sauven, director executivo de Greenpeace no Reino Unido.


Ligazóns

4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: