Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS SINDICATOS VALORAN AS CIFRAS

"O problema deste ascenso do paro é que non se albisca o final"

As forzas sindicais avogan por lexislar para que a banca poña cartos en circulación e piden políticas que garantan as coberturas sociais.

Redacción - 12:00 02/04/2009

A suba do paro é constante: se o pasado mes de febreiro nos deixaba unha taxa de crecemento do 2,6%, o mes de marzo déixanos outra do 2,3% e a mensaxe que recibimos é a dun "suma e segue". Así o perciben tamén os sindicatos, que reiteran as súas chamadas ás políticas activas que garantan a renda, que amplíen as coberturas sociais e que lexislen para que a liquidez volva aos mercados.

Cos datos de marzo na man, con 211.484 galegos máis na rúa, a análise non dista da dos meses anteriores: "o problema destes datos", di Manuel Currás Meira, secretario confederal de Emprego da CIG, "é que non se ve o final". Segundo a súa perspectiva, "xa non é un problema da construción, que en Galiza pagaron na súa meirande parte os traballadores portugueses, agora é unha cuestión moito máis profunda". Trátase da "incidencia da crise global" que está afectando de xeito máis forte á industria e aos servizos.

Que a situación é grave é unha sentenza na que coinciden todos. "Somos conscientes de que máis alá das cifras, hai xente que o está a pasar moi mal", di Maica Bouza Seoane, secretaria de Emprego de CCOO. Dunha banda son moitos os traballadores que quedan sen o seu emprego, mais a esta situación hai que sumar aínda "aqueles que están soportando a eventualidade dos ERE's". Neste punto incide tamén Currás Meira: "os expedientes de regulación non saen na estatística, mais levan canda si situacións ben dramáticas".

Onde está a clave?
Unha vez máis, é o peixe que traba na súa propia cola e que comeza polas entidades bancarias: "non atenden a pólizas de crédito, non conceden hipotecas, non permiten a circulación dos cartos...", di Meira, e, "ao tempo, os consumidores tampouco teñen confianza e tampouco acoden aos bancos a solicitar eses préstamos". De aí, que a solución pase polas decisións políticas: "a clave está en lexislar, obrigar aos bancos a inxectar cartos no mercado, evitar os paraísos fiscais, prohibir o libre movemento especulador... hai, en suma, que controlar as accións dos bancos, chamémoslle nacionalización ou non, é preciso un maior control".

Pola súa banda, CCOO insiste na necesidade de manter un diálogo social aberto coas autoridades políticas. "Hai que lembrar que en Galiza hai máis de 35 mil persoas que teñen a todos os seus membros da familia sen cobrar prestación algunha", di Bouza Seoane. "Hai que poñer en marcha as políticas precisas para garantir o nivel de rendas e o nivel de cobertura necesario". Neste punto coincide coa CIG: "para rematar con este goteo constante son necesarias políticas tendentes a rexenerar o emprego, pois a situación é xa insostíbel". Neste sentido, Comisións reclama o aumento da protección por desemprego, o cambio do modelo produtivo e o impulso á formación de calidade.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: